- A actuación, subvencionada pola AGADER con 61.048 euros, permitirá mellorar a seguridade viaria nos camiños de Rocal, Outeiro, Galegos e A Torre
- O prazo de execución será de tres meses e enmárcase no plan municipal de modernización das parroquias
O Porriño, 20 de febreiro de 2025.– O Concello do Porriño continúa avanzando no seu plan de mellora das infraestruturas do rural coa execución do proxecto de pavimentación e mellora da seguridade viaria nos camiños de Rocal e Outeiro, na parroquia de Pontellas, e Galegos e A Torre, na parroquia de Atios.
A actuación supón un investimento próximo aos 73.000 euros (IVE incluído), tras a súa adxudicación, e conta cunha achega de 61.048 euros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026. O prazo estimado de execución é de tres meses desde o inicio das obras.
O proxecto contempla traballos de desbroce e limpeza, fresado do firme existente, execución dunha nova base granular, pavimentación con aglomerado asfáltico en quente, recalce de tapas de rexistro e renovación da sinalización horizontal e vertical. A intervención realizarase sen modificar nin o trazado nin a rasante actual dos camiños, garantindo así unha actuación respectuosa coa súa configuración.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “O Concello está a dar resposta a necesidades reais das parroquias, actuando con planificación, responsabilidade e aproveitando todas as oportunidades de financiamento que permiten acelerar investimentos necesarios”.
O rexedor destacou tamén a complexidade administrativa que rodea moitas destas actuacións: “Hai proxectos que levan anos á espera de informes sectoriais e autorizacións, en ocasións vinculados a estradas ou a organismos hidráulicos. Cada permiso que conseguimos desbloquear supón un paso decisivo para poder executar obras que a veciñanza leva tempo reclamando”.
“Estamos a traballar con rigor técnico e coordinación institucional para que esas autorizacións cheguen e para que cada proxecto que se pon en marcha teña todas as garantías legais e administrativas”, engadiu Lorenzo.
Estas obras forman parte dun plan máis amplo de mellora das infraestruturas nas parroquias, no que o saneamento continúa a ser unha prioridade estratéxica para o Goberno municipal. O Concello reafirma así o seu compromiso cun rural vivo, dotado de servizos modernos, seguros e adaptados ás necesidades actuais.

