A produtora Voz Audiovisual solicita a nosa colaboración para difundir a través das redes sociais do Concello, unha chamada á colaboración de quen puidese dar algunha información sobre as persoas e o lugar onde se fixo esta fotografía adxunta.
A imaxe corresponde á colección realizada pola fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson arredor de 1920, durante as súas xiras por Galicia. De feito, exhibiuse xunto con outras imaxes, nunha exposición sobre a mencionada fotógrafa que montou “AFundación”, no Centro Cultural Municipal de Porriño entre maio e xuño de 2019.
Agora a citada produtora prepara un documental para a TVG co fin de recrear lugares e imaxes 100 anos despois, da man de Cristina Pato e Xan Padrón, que se chamará “Galicia de vinte a vinte”.
Se recoñecen ás persoas desta fotografía, se saben algo delas ou dos seus descendentes ou do lugar exacto onde foron tomadas, a produtora solicita que se poña en contacto cos números de teléfono que figuran na parte inferior da imaxe.