O Concello do Porriño vén de recibir o resultado das analíticas realizadas ao manantial que abastece a Fonte de San Sebastián, que permanecía pechada tras detectarse contaminación na auga.
A análise realizada na mina determina que os valores paramétricos alterados (microorganismos aerobios 22ºC e bacterias coliformes) xa se atopan dentro dos límites que garanten a potabilidade da auga.
“Para maior seguridade dos usuarios e usuarias, é preciso que persoal especializado acometa a limpeza do manantial que abastece á fonte e valore, se é preciso, proxectar a canalización do caudal no tramo ata o grifo”, explicou o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, “Queremos asegurarnos de que non se producen filtracións contaminantes como a que obrigou a cortar o subministro”.
“Sabemos que esta fonte ten un gran valor, non só patrimonial senón tamén funcional, xa que son moitos os veciños e veciñas da vila que consumen esa auga cada día, e que supón un gran perxuizo que non esté en funcionamento”, concluíu o alcalde, “Pero estamos facendo o necesario para restablecer o subministro o antes posible con todas as garantías sanitaria, o importante é asegurar que a auga mantén a súa calidade e é apta para consumo”.
Dende o Concello informan tamén que xa se deu orden de retirar o valado que protexía a fonte e limitarase á zona do grifo, para permitir o uso e disfrute do resto do entorno.