Os concellos de Mos, Salceda e O Porriño colaborarán na celebración do ‘Día Europeo de Concienciación do Paro Cardíaco’, que se celebra o 16 de este mes de Outubro, impulsada dende o Punto de Atención Continuada (PAC) do Porriño, co respaldo da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, por medio dunha actividade que pretende chegar aos máis novos.
‘As túas mans salvan vidas’, foi presentada este xoves no PAC do Porriño nun acto ao que asistiron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Asuntos Sociais, Sara Cebreiro, Teresa Pérez, concelleira de Benestar Social de Salceda de Caselas, e Lourdes Moure, concelleira de Educación do Porriño.
Unha das impulsoras desta celebración, a doutora do PAC Monserrat Rodríguez Cabaleiro, explicou que este proxecto, que se fará xunto co grupo musical “As Maimiñas”, consistirá nunha actividade lúdica para concienciar ás rapazas e rapaces da importancia de saber que, “cos coñecementos axeitados” poden axudar a salvar unha vida no caso de que unha persoa achegada a eles sofre unha parada cardiorrespiratoria.
‘As túas mans salvan vidas’, ten coma obxectivo lograr que os estudantes adquiran os coñecementos básicos de reanimación para poder reaccionar nun caso de morte súbita, sabendo que tendo eses coñecementos “increméntase nun 20% a posibilidade de supervivencia”.
A doutora Rodríguez salientou a importancia deste aprendizaxe dende os primeiros anos e de levar a mesma aos colexios, “polos que pasa o cen por cen da poboación” e nos que é posible que aprendan a técnica dunha reanimación cardio-pulmonar (RCP), cómo actuar diante dun paro cardíaco e a quen chamar para pedir axuda.
A actuación dentro dos primeiros 5 minutos despois dunha parada cardíaca, subliñou a doutora, é transcendental e pode marcar a diferencia entre manter a unha persoa con vida ou que morra.
Isto será o que persoal especializado do PAC do Porriño e ‘As Maimiñas’ ensinarán, de xeito ameno, con xogos e cancións, ás rapazas e rapaces dos tres concellos en diferentes actividades que terán lugar o luns día 16 deste mes, no Multiusos de Mos- ás 10:30 e 12:00h-; o día 17 no Auditorio de Salceda-no mesmo horario-e, finalmente, tamén ás mesmas horas, na Praza de Antonio Palacios do Porriño, o 18 deste mes.