París acollerá do 27 ao 29 de xullo o “IHF Beach Handball Showcase” no marco dos Xogos Olímpicos 2024 e, como non podía ser doutra forma, O Porriño estará presente. A porriñesa Paola González Casales foi designada pola Federación Internacional de Balonmán como delegada por España, marcando un novo fito na súa traxectoria deportiva e tamén na da vila na que deu os seus primeiros pasos nesta disciplina.
Paola comezou a xogar no BM Porriño aos 11 anos e, pese que a deixou a pista anos despois cando marchou vivir fora de España, seguiu sempre moi vinculada a este deporte. No ano 2016 a EHF (Federación Europea de Balonmán) ofreceulle a oportunidade de sumarse como delegada federativa, convertendose na primeira galega delegada federativa en balonmán praia.
Unha responsabilidade que asumiu con entusiasmo e que foi o primeiro paso dunha traxectoria que hoxe a leva ata os xogos de París. “Durante todos estes anos combinei o balonmán co meu traballo, algo que en momentos non me resulta doado e que nalgunhas ocasións me levou a ter que renunciar a participar dalgúns eventos importantes, como o Global Tour que se vai celebrar en España”, explica.
Pese a todo, Paola logra conciliar como pode o seu traballo como Policía Nacional, coa súa vida familiar e a súa paixón polo balonmán. “O ano pasado estiven na final masculina absoluta do Campionato de Europa por Seleccións que se celebrou en Nazaré, Portugal, e acabo de chegar do campionato de Europa sub16 que se disputou en Varna, Bulgaria, e do clasificatorio do Europeo Absoluto, onde tamén fixen a final senior masculina”. A proba de que querer é poder.
Paola mostrouse moi agradecida coa Federación Internacional “por darme a oportunidade de participar neste Showcase” que pretende “que dunha vez por todas o Balonmán Praia pase a ser un deporte olímpico, xa que se xoga en moitísimos países e o nivel é cada vez máis e máis alto”.
O IHF Beach Handball Showcase é un esforzo de colaboración entre a IHF, o Comité Organizador dos Xogos Olímpicos oe Paralímpicos de París 2024 (COJOP2024), a Federación Francesa de Balonmano (FFHB) e o Comité Olímpico Internacional (COI). Pódese seguir a competición a través da canle de Youtube da Federación Internacional de Balonmano e das súas redes sociais.