O Campión do Mundo de Triatlón Larga Distancia, Pablo Dapena, será un dos participantes da primeira edición da Carreira de Empresas de Galicia que se disputará este domingo 8 de outubro no Porriño.
 
O triatleta pontevedrés levará o Dorsal 1 da proba 10K en recoñecemento á súa traxectoria deportiva e como agradecemento á súa disposición a colaborar neste evento, que non só se presenta cun alto nivel deportivo senón tamén solidario. E é que a proba, organizada polo Interrunning Club , en colaboración co Concello do Porriño e LaserGalicia, ten como obxectivo recadar fondos para Asociación Bicos de Papel , destinando o 100% da inscrición a esta asociación de axuda aos nenos e nenas de oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro.
 
A participación superou todas as expectativas e, a tres días de pechar prazo, alcanza os 1500 participantes nas súas probas. O alto índice de inscricións, levou á organización a lanzar unha edición especial de 100 dorsais máis para as probas de 5K e 10K que sairán á venta mañá e poderán adquirirse ata agotar existencias.
 
Neste peculiar evento poderán participar traballadores por conta allea (sempre que se inscriban como equipo de ata 4 compoñentes todos da mesma empresa ou ben sexan socios acreditados da mesma), profesionais autónomos ou parados de maneira individual ou atletas ou deportistas individuais. É dicir, non é necesario participar como traballador en equipo, calquera pode facelo!
 
Serán un total de 3 carreiras: unha andaina de 6 km, unha carreira de 5 ou 10 km e unha carreira de 100 metros para os Pitufos. A idade mínima para participar é de 16 anos, excepto na proba dos Pitufos (nados a partir do 1 de xaneiro do 2019). A andaina e a proba de Pitufos son probas non competitivas pero as carreiras 5K e 10K si o son.
 
A inscrición pode formalizarse en https://ccnorte.com