O Concello do Porriño retomou hoxe as visitas dos nenos e nenas do Porriño á Casa Consistorial. Esta actividade, dirixida ao alumnado de 3º de Educación Primaria e ao alumnado de Aceesca, desenvolverase nos meses de novembro, decembro e xaneiro en diferentes quendas.

En total serán 174 nenos e nenas os que participarán destas visitas guiadas organizadas pola Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX co obxectivo de que coñezan un pouco mais o funcionamento do Concello, á vez que dinamizan a lingua e cultura galegas.

A técnica de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, Andrea González Pereira, é a encargada de guiar ao alumnado para darlles a coñecer a súa historia, as distintas salas e espazos, o organigrama dos departamentos e o seu funcionamento interno. O emprego de léxico administrativo galego, así como o desenvolvemento dun pequeno glosario galego-castelán de termos cotiás dun concello, fan que as visitas guiadas teñan, unha vez máis, a lingua galega como o elemento catalizador. Hoxe foron os nenas e nenos do colexio Hermanos Quiroga os que percorreron os corredores das dependencias municipais, entraron no salón de plenos, na alcaldía ou no balcón desde o que tradicionalmente se pregoa o inicio do Entroido, das festas do Cristo…, á vez que reafirmaron a importancia da lingua nunha Administración pública e o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística do seu Concello.