O Porriño acollerá este mes un acontecemento cultural de primeira orde reunindo nunha mostra todas as viñetas humorísticas que Laxeiro publicou na prensa, concretamente nos xornais El pueblo gallego e Faro de Vigo, nos anos 1928, 1929 e 1930. Durante estes anos o humor gráfico galego vivía unha época dourada e Laxeiro foi un dos seus estandartes.
A exposición “Os monos de Laxeiro” componse de corenta e nove reproducións fotográficas, realizadas case ao tamaño orixinal das viñetas e respectando a cor de fondo tan recoñecible do papel de periódico. Cada viñeta vai enmarcada de forma individual e, tanto os textos dos diálogos, como a referencia do medio e día de publicación, van impresas, dentro de cada cadro, respectando as formas idiomáticas do orixinal e, por tanto, sen adaptar ao galego normativo de hoxe.
Debido a que os debuxos orixinais están perdidos, optouse por facer reproducións fotográficas, tomadas directamente das páxinas dos periódicos, grazas á colaboración de Faro de Vigo e do Arquivo Municipal de Vigo, que posibilitaron acceder á documentación orixinal para poder así reproducir cada viñeta do xeito máis fiel posible. Unha vez realizadas as fotografías, resultou de capital importancia a busca da forma de impresión e do papel máis axeitados.
O resultado é unha colección de corenta e nove cadros, todos do mesmo tamaño, a través dos que o público se pode achegar a esas viñetas imaxinando o seu aspecto orixinal cando foron publicadas na prensa hai xa noventa anos e percorrendo a evolución, tanto formal, como nos contidos do, entón, artista debutante, José Otero Abeledo, Laxeiro.
A mostra estará aberta ao público do 11 de abril ao 11 de maio. Co gallo da inauguración da exposición, Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación Laxeiro, dará unha conferencia sobre a mesma que comezará ás 19 h.