Se hai unha festa que nas nosas escolas se celebra con especial cariño é, sen dúbida, o Nadal. O alumnado que cursa ensinanzas de Educación Infantil e Primaria no Porriño recibe desde hoxe a visita dos axudantes de Papá Noel. As concellerías de Educación e Cultura, xunto coa OMIX organizan estas visitas dos elfos aos centros educativos os días 16, 17 e 18 de decembro, para ir con tempo a que as cartas da cativada cheguen ao Polo Norte.
Estes axudantes comezaron a súa andaina o esta mañá no CEIPP Antonio Palacios, CPR Santo Tomás e CPR Hnos. Quiroga, nos que recolleron 412 cartas repletas de desexos. Mañá retomarán a súa actividade nos colexios CEIPP de Atios, EI de Mosende e Aceesca para recibir 217 cartas e o mércores concluirán as súas visitas no CEIP Cruz Budiño, CEIP da Ribeira e CEIP Fernández López para atender as peticións de 406 nenas e nenos.
Realizarán unha visita por cada un dos nosos colexios para saudar os grupos escolares e interactuar con eles (arredor de 1060 alumnos/as), ademais de recibir todos os desexos e ilusións da cativada para estas datas sinaladas tan especiais.