Os concelleiros, David Alonso, de Emprego e Novas Tecnoloxías, e Sergio Casal, de Comercio, apadriñaron a presentación da plataforma “ROOMBO” de reparto a domicilio que leva funcionando semana e media no Porriño. O seu franquiciado local, Alberto Parada e representantes do sector hostaleiro local asistiron ao acto informativo, celebrado esta mañá no salón de plenos do Concello.
“ROOMBO” funciona como una aplicación (“app”) que pode descargarse gratuitamente para teléfonos móbiles “IOS” ou “Android”. Permite encargar comida a domicilio e pagar a golpe de “clic”. O reparto faise con tres persoas nun radio de 8 quilómetros e de momento, hai sete establecementos do Porriño adheridos á plataforma que son: “Hamburguesería Alhambra”, “Galibar”, “Pastelería D’Carlo”, “Argentino2”, “Don Kebab”, “Pantera” e “A Tentación”.
O promotor local, Alberto Parada explicou que “é unha plataforma 360, é dicir que estamos abertos non só a restaurantes senón tamén para calquera comercio que desexe incorporarse e utilizar este escaparate para realizar as súas vendas”.
O presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño, José Manuel Fernández subliñou que “parécenos unha aplicación moi interesante xa que non ten custe engadido nin require investimento algún e tan só supón un pequeno desconto da comisión que cobra a plataforma”, manifestou o máximo responsable de “AHOSPOR”.
Sergio Casal felicitou ao promotor da plataforma e aos primeiros hostaleiros que se adheriron namentres David Alonso eloxiou “a idea que mellora a competividade dos hostaleiros, a accesibilidade da veciñanza a novos servizos e que ademais crea postos de traballo”.