Os alumnos e alumnas de ensino secundario do Porriño eran os destinatarios das sesións do espectáculo de ópera express titulado “SOPRANO IN DISTRESS” (SOPRANO EN APUROS). Trátase dunha nova proposta de performance educativa da soprano Esperanza Mara que o Concello do Porriño, a través da Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información Xuvenil deciden levar a cabo apostando por un formato único, moi creativo e axeitado para a mocidade.
O espectáculo realizouse na súa versión bilingüe, atendendo ás demandas de formación en competencias lingüísticas que ofrecen os centros de ensino participantes. Onte realizouse nos Institutos Ribeira do Louro e Pino Manso e hoxe nos CPR Santo Tomás e Hermanos Quiroga.
“Unha soprano ten que demostrar que a ópera é un xénero coa capacidade de reinventarse, pero só pode facelo se o público máis novo lle axuda no seu cometido”, explica Esperanza Mara.
Deste xeito, o alumnado de centros educativos de O Porriño asiste á soprano na demostración de que a ópera é un espectáculo do que a xuventude tamén pode ser partícipe dun xeito activo.