Un ano máis, o Concello do Porriño, para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da
Infancia, celebrará un Pleno Infantil, coa participación de nenas, nenos e adolescentes do
municipio.
O Pleno celebrarase o venres 19 de novembro, ás 10:30h da mañá no salón de sesións do Concello, onde acudirán unha voceira e un voceiro de cada centro de ensino do municipio, en representación de todas as nenas, nenos e adolescentes. En total participarán os dez centros do municipio; sete colexios, dous institutos e a asociación ACEESCA.
A temática deste ano, seguindo as indicacións do Comite de Unicef Galicia, será o medio ambiente. As persoas participantes xunto coas compañeiras e compañeiros do seu centro, están debatindo, reflexionando e preparando as propostas que presentarán no pleno para que o Concello do Porriño sexa máis sostible e sexa quen de axeitarse mellor aos impactos do cambio climático.

Previamente, este martes dous nenos porriñeses, Carla Godoy Magalhaes e Nicolás Freiría Casal representaron ao Consello Municipal da Infancia e Adolescencia local no Parlamento de Galicia. Participaron no Foro de Participación Infantil e Adolescente. Este encontro, organizado polo Parlamento autonómico e o Comité de Unicef Galicia, celebrase anualmente para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos da Infancia.