- O servizo especial de tren turístico comeza a súa ruta con alumnado de centros educativos do municipio para descubrir a iluminación e decoración do Nadal na vila
- O tren estará operativo para o público xeral a partir do vindeiro sábado día 20 de decembro
O Porriño, 17 de decembro de 2025.- O Concello do Porriño pon en marcha este mércores 17 de decembro o Tren do Nadal, unha actividade especial pensada para que o alumnado de distintos centros educativos do municipio poida desfrutar dunha saída cultural e festiva para coñecer de primeira man a decoración e iluminación das rúas nesta época do ano.
Ao longo das tardes dos días 17, 18 e 19 de decembro, un total de medio centro de persoas por centro educativo (incluíndo alumnado e persoal acompañante) realizarán o percorrido en tren. A actividade ten como protagonistas aos nenos e nenas dos colexios de Ribeira, Cruz Budiño, Antonio Palacios, Fernández López e tamén os usuarios de Aceesca, que vivirán unha experiencia educativa e lúdica ao tempo que descobren a maxia do Nadal no seu propio concello.
O alcalde Alejandro Lorenzo destaca que “con esta iniciativa queremos achegar o espírito do Nadal aos nosos escolares e ás súas familias, fomentando a participación e o sentido de comunidade, ao tempo que promovemos actividades accesibles para todos”. O rexedor engade que “ver aos máis pequenos desfrutar das luces e da ambientación festiva pola vila é sempre un motivo de satisfacción para o Concello, que traballa para facer destas datas unhas festas cheas de emoción e participación”.
Ademais destas viaxes escolares, a partir do sábado 20 de decembro o Tren do Nadal estará aberto a toda a veciñanza e visitantes, formando parte da completa programación cultural e festiva de Nadal que o Concello ten prevista para estas datas e que se pode consultar na páxina web ecultura.net.
O servizo ao público xeral ofrecerá ruta polas rúas da vila do 20 ao 23 e do 26 ao 29 de decembro en horario de 11.00 a 13.00 horas e de 16.30 a 21.00 horas. Xa en xaneiro, o tren funcionará os días 2, 3 e 4 no mesmo horario de mañá e de tarde, con parada neste caso no polideportivo municipal onde se celebrará ao longo destas tres xornadas O Porriño Peque Fest. O 24 e o 30 de decembro, e o 5 de xaneiro o tren circulará en horario de mañá de 11.00 a 13.00 horas, ademais formará parte tamén da Cabalgata de Reis.

