Trátase dun servizo moi demandado no Porriño que ata o de agora nunca se prestou e que servirá de guía profesional a moitas familias para tratar posibles trastornos do desenvolvemento nos nenos e nenas de 0 a 6 anos a través dunha actuación conxunta e interdisciplinar imprescindible que dea unha resposta global ás súas necesidades.

 

“Para mellorar a calidade de vida da veciñanza é esencial actuar dende os primeiros anos, detectando as dificultades do desenvolvemento que poidan presentar os pequenos e pequenas, ou o risco de padecelas, coa maior prontitude para que poidan recibir atención canto antes”, incidiu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Para iso, no servizo de atención temperá do Porriño atoparán a profesionais que, en coordinación cos servizos sociais, sanitarios e educativos do concello,  os axudarán, a eles e ás súas familias”.

 

Pola súa banda, a concelleira de Sanidade e Educación, Carolina González, explicou que “inicialmente, co fin de que inicie a súa actividade o antes posible, instalarase en tres locais habilitados no Pavillón Municipal: un para logopedia, outro para psicoloxía e outro para fisioterapia. É unha ubicación temporal, xa que dende o Concello estamos a xestionar a adquisición dun local no que se instalará definitivamente o servizo”.

 

No servizo de Atención Temperá do Porriño as familias atoparán profesionais que avaliarán e diagnosticarán os trastornos do Desenvolvemento dos pequenos e pequenas e traballarán no seu desenvolvemento psicomotor, cognitivo, da linguaxe e comunicación, da autonomía e da área social e afectiva, ademais de prestar apoio, información e formación á familia durante todo o proceso. Serán os pediatras os que avalíen que nenos ou nenas precisan desta atención.

 

A posta en marcha deste servizo, do que xa disponían todos os concellos da contorna excepto O Porriño, foi posible a través dunha subvención da Consellería de Política Social no marco da Rede Galega de Atención Temperá. Cabe destacar que xa foi licitado e adxudicado á entidade local, ACEESCA, que se encargará da xestión do mesmo.