• A recadación total de 650 euros destinarase íntegramente á AECC do Porriño

O Porriño, 11 de xullo de 2025.– O día grande das Festas de San Bieito viviu esta mañá un dos momentos máis emocionantes e agardados pola veciñanza: a tradicional subasta benéfica, que este ano recadou un total de 635 euros, unha cantidade que será doada integramente á AECC do Porriño (Asociación Española Contra o Cancro).

Tras a misa solemne na Igrexa de Santa María, coa participación da Coral da Escola Municipal de Música, e a posterior procesión polos barrios de San Bieito e San Sebastián, chegou o momento da puxa, que reuniu a numeroso público e contou cun ambiente cheo de risos, emocións e tamén moito pique entre os participantes. A subasta do racimo de uvas, como é tradición, foi o prato forte, pero tamén se poxaron plantas, ovos e aceite. O racimo de uvas foi adxudicado por 250 euros, mentres que o resto da recadación, 385 euros, correspondeu á poxa dos demais produtos.

O acto tivo lugar ás 13:30 h e demostrou unha vez máis a implicación solidaria do Porriño nestas festas que mesturan devoción, cultura e compromiso social. Ao ramatar, comezou o concerto da Banda de Música da Escola Municipal.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, puxo en valor esta tradición tan singular destacando que “a puxa do racimo de San Bieito é un símbolo da nosa identidade como pobo. É un momento de festa, si, pero tamén de solidariedade. Este ano, o feito de que o recadado vaia destinado á AECC do Porriño converte esta tradición tamén nunha ferramenta de apoio real para quen máis o necesita”.

Pola tarde a celebración continúa coa actuación dos Zoqueiros ás 19:30 h, seguida da misa vespertina na Igrexa de Santa María ás 20:00 h. Xa pola noite, a partir das 21:30 h, chegará o gran peche das festas coa Orquestra Los Player’s e o concerto de Roi Casal, que ofrecerá un espectáculo para todos os públicos e porá o broche de ouro a esta edición das festas de San Bieito.

O alcalde tamén quixo destacar o ambiente nas rúas, “colmadas de xente, tanto do Porriño como doutros concellos da contorna”, e lembrou que “mañá comeza a Porrigalia, así que isto non remata aquí”.

Desde o Concello do Porriño celebramos que un ano máis esta puxa tan nosa siga viva, sexa solidaria, e que a festa de San Bieito continúe facendo historia grazas ao pulo da xente que a mantén con orgullo.