O vindeiro martes, 1 de abril, ás 9:00 h, abrirase o prazo de inscrición para o Campamento de Semana Santa organizado polo Concello do Porriño. Esta iniciativa, destinada a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, desenvolverase en instalacións municipais os días 14, 15, 16 e 21 de abril, en horario de 8:30 a 14:30 h, cun aforo limitado a 50 participantes.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou a importancia deste recurso para favorecer a conciliación familiar e laboral durante os períodos non lectivos. “Queremos ofrecer ás familias unha opción de calidade que permita ás nais e pais compaxinar as súas responsabilidades laborais co coidado dos seus fillos e fillas durante as vacacións de Semana Santa”, afirmou Lorenzo.

A concelleira de Igualdade, Carolina González, destacou tamén o compromiso do Concello coa inclusión e a igualdade de oportunidades. “Establecemos criterios prioritarios que aseguran que as familias en situación de especial vulnerabilidade teñan preferencia no acceso a esta iniciativa. Traballamos para que ningunha nena ou neno quede atrás por razóns económicas ou sociais”, explicou González.

O proceso de inscrición poderá realizarse tanto a través da sede electrónica do Concello como de maneira presencial no Rexistro Municipal, ata o luns 7 de abril ás 9:00 h. A selección dos participantes levarase a cabo mediante un proceso de baremación que combina a orde de presentación das solicitudes e a consideración de situacións de especial vulnerabilidade social, garantindo así un acceso prioritario ás familias que máis o precisan. Os criterios detallados de baremación están dispoñibles para a súa consulta na páxina web municipal.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

AUTORIZACIÓN PARA A RECOLLIDA DE PARTICIPANTES

O Concello do Porriño anima a todas as familias interesadas a presentar as súas solicitudes e aproveitar esta oportunidade de conciliación e desfrute para os máis pequenos e pequenas.