- A visita institucional puxo en valor o sector da madeira como motor de innovación, sustentabilidade e desenvolvemento industrial no municipio e en Galicia
- A empresa dá emprego directo a máis de 60 persoas e xera arredor de 200 postos de traballo en total
O Porriño, 20 de xaneiro de 2027.- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e da directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, visitou a empresa Surco Interiors, especializada na produción de derivados da madeira como mobles, solos e portas.
Durante a visita, o alcalde destacou que “se ten que haber unha empresa punteira de madeira, ten que ser no Porriño, como non podería ser doutra maneira”, poñendo en valor o peso da industria no municipio e o papel estratéxico que empresas como Surco Interiors desempeñan no desenvolvemento económico local, así como a capacidade da empresa para combinar tradición artesanal, innovación industrial e sustentabilidade ambiental.
Surco Interiors, marca de mobles e madeiras de nova liña, conta cunha traxectoria que se remonta a 1933, cando naceu en Azpeitia (Guipúscoa). Desde os seus inicios, a empresa posicionouse como unha referencia no sector do mobiliario gracias á fabricación de pezas en madeira maciza elaboradas por mestres artesáns. En 1981 consolidou o seu liderado neste campo apostando por unha produción industrial cun deseño innovador e unha elevada calidade nos acabados.
A ampla experiencia acumulada durante máis de 70 anos permitiulle á empresa adentrarse no mundo do parquet coa creación da marca SURCO, consolidándose en 2015 como unha gran empresa cunha elevada sensibilidade pola madeira como materia prima e cun firme compromiso co respecto medioambiental e a sustentabilidade do medio natural.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “O Porriño conta cun enome potencial tamén no ámbito da madeira, gracias á presenza de empresas que apostan pola calidade, a innovación e o respecto polo medio ambiente, consolidando este sector como unha oportunidade de futuro para a diversificación industrial e a creación de emprego no municipio”.
Ademais, o rexedor puxo o foco no peso industrial do municipio, sinalando que “O Porriño é hoxe un dos principais polos industriais de Galicia, con polígonos empresariais que suman máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial e máis de 2.200 empresas asentadas, o que reflicte a fortaleza do noso tecido produtivo e a capacidade para acoller proxectos industriais innovadores e sostibles como Surco Interiors”.
Pola súa banda, a conselleira María Jesús Lorenzana puxo en valor, en primeiro lugar, a importancia da colaboración entre a empresa e a administración “para garantir que o emprego e o valor engadido desta industria permanezan na comarca”, destacando ademais que “Surco Interiors dá traballo a máis de 60 persoas, sendo máis da metade mulleres”.
Na súa segunda mensaxe, Lorenzana subliñou que “a industria forestal é clave en Galicia, representando máis do 1,7% do PIB da comunidade”, e apostou por seguir avanzando na súa modernización e automatización, así como por traballar o papel do talento e da formación, “para contar con persoal formado que permita ao sector seguir medrando”.

