- Un novo conxunto escultórico simbolizará o orgullo e a identidade porriñesa na rúa Antonio Palacios, “un símbolo feito da nosa propia pedra
- Son once elementos, que suman un peso de oito toneladas e media, expostos nunha distancia de máis de oito metros con iluminación incorporada
O Porriño, 15 de novembro de 2025.- O Concello do Porriño anuncia a instalación do conxunto escultórico “Letras O Porriño”, unha nova obra en granito Rosa Porriño, a emblemática pedra que leva o nome da vila por todo o mundo. O novo símbolo de identidade situarase na rúa Antonio Palacios, converténdose nun punto de referencia visual e emocional para veciños e visitantes.
O conxunto está composto por oito letras e tres “sombreretes”, elaborados a partir dun planchón de granito Rosa Porriño de 37 centímetros de espesor. As pezas, que pesan en total arredor de 8.500 quilos, presentan un acabado abuxardado e ranurado bidireccional na fachada principal, mentres que a parte posterior combina un areado con ranurado unidireccional, poñendo en valor o traballo artesanal e a textura natural da pedra.

O deseño parte da imaxe corporativa oficial do Concello do Porriño, e cada letra foi creada con precisión artesanal, destacando o “O”, a máis grande, de 1,97 metros de alto por 1,68 de ancho, e o “I”, a máis pequena, de 1,10 metros por 0,26 metros, cun desenvolvemento total de 8,26 metros de longo.
Os “sombreretes” en granito serán ancorados mediante pletinas de aceiro inoxidable de 10 mm de espesor, e o conxunto contará cunha iluminación lineal empotrada no pavimento, de 8 metros, que realzará o volume e a cor do granito durante a noite.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salientou que esta intervención “é moito máis que un elemento ornamental: é un símbolo do noso orgullo porriñés, unha homenaxe á nosa pedra e á nosa xente traballadora”. Engadiu que “o granito Rosa Porriño é o noso embaixador no mundo e agora tamén será o material co que damos a benvida a todos os que chegan á vila”.
Coa instalación destas letras, O Porriño únese ás grandes cidades e vilas que contan con esculturas identificativas, pero faino con materiais propios e identidade local, convertendo o granito Rosa Porriño en protagonista dunha peza que une arte, tradición e sentimento de pertenza.

