O Concello do Porriño finaliza con éxito o traballo de dixitalización dos expedientes administrativos do Departamento de Urbanismo. Este importante proxecto, levado a cabo polo alumnado-traballador da especialidade de “Tecnoloxías da Información e Comunicación” do Obradoiro de Emprego “Porremprego Cualifica II”, permitiu dixitalizar un total de 1070 expedientes de diferentes departamentos municipais que abarcan desde o ano 2002 ata a implantación do sistema Xestiona na administración local.
Un equipo de 10 alumnos-traballadores dedicouse a este labor durante case 2000 horas, recibindo formación práctica e teórica que lles permitiu obter certificados de profesionalidade en “Gravación de Datos e Documentos I” e “Actividades Administrativas en Relación ao Cliente II”. Grazas á colaboración da Xunta de Galicia, que achegou 531.000 euros, xunto con 25.000 euros da achega municipal e 30.000 euros de fondos autonómicos para incentivos de contratación, púidose levar a cabo este programa dual de formación e emprego.
“Este gran traballo de obra realizado polo alumnado-traballador desta especialidade, permitiulles tamén adquirir unhas habilidades, competencias e coñecementos moi importantes que poden contribuír de cara ao futuro próximo a súa inserción laboral”, apuntou a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas.
E é que o traballo realizado non só foi invaluable para o Concello, senón que tamén proporcionou aos alumnos os coñecementos necesarios para desempeñar funcións crave no ámbito administrativo, como o tratamento de textos, a recompilación de expedientes e a súa dixitalización. “Este avance na dixitalización facilitará enormemente a xestión municipal, facendo que os nosos servizos sexan máis accesibles e eficientes”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
O rexedor reiterou o seu agradecemento a todos os participantes neste proxecto e reafirmou o seu compromiso “de seguir avanzando na dixitalización dos nosos arquivos, un paso fundamental cara a un futuro máis moderno e eficiente para os servizos que prestamos á cidadanía”.