• O Pavillón Municipal será escenario dos encontros da categoría alevín 7, que se disputarán ao longo da mañá nas dúas pistas dispoñibles

O Porriño, 31 de maio de 2025.– O Porriño acolle hoxe unha das grandes citas do balonmán base galego coa celebración da Final 4 nas categorías alevín e benxamín. O Pavillón Municipal será escenario dos encontros da categoría alevín 7, que se disputarán ao longo da mañá nas dúas pistas dispoñibles.

Esta xornada representa o peche da tempada para o balonmán base e reunirá a nenos e nenas de distintos puntos de Galicia que competirán por acadar o título de campións nas súas respectivas categorías. Máis alá da competición, será unha festa do deporte base, marcada pola ilusión, o esforzo e a convivencia entre deportistas, familias e afección.

Paralelamente, a localidade veciña de Redondela será sede dos encontros das categorías benxamín e alevín 5, completando así esta derradeira Final 4 do ano.

Durante a entrega de premios, que terá lugar ás 14:30 h, estará presente o Alcalde, Alejandro Lorenzo.

Dende o Concello do Porriño queremos convidar a toda a veciñanza a achegarse ao Pavillón Municipal e desfrutar dunha mañá única, chea de deporte e valores. O apoio da comunidade é clave para seguir impulsando o deporte base e creando espazos de encontro e formación para a nosa mocidade.