- O Festival de Cans, a Imprenta Paz e Gráficas Bolfer, o Círculo Recreativo Cultural CRC, Claudio Giráldez e Lola Magno son os premiados desta edición
O Porriño, 14 de xuño de 2025.- A Praza Arquitecto Antonio Palacios acolleu esta noite a gala dos II Premios Antonio Palacios, un acto cargado de emoción, identidade e recoñecemento ao talento porriñés nos ámbitos da cultura, a empresa, o compromiso social, o deporte e a memoria histórica. Centos de persoas reuníronse para celebrar o labor e a traxectoria dos premiados nunha xornada festiva que comezou pola mañá e se prolongou ata entrada a noite.
O día arrincou co II Concurso de Pintura Rápida “Pintando a Palacios”, seguido dun concerto da Agrupación Musical do Porriño. Xa pola tarde, entregouse o premio do certame pictórico e, a partir das 21:00 horas, deu comezo a gala central da xornada, conducida pola presentadora Icia Alcalde, coa interpretación do Himno Galego a cargo de Noemi Fernández e Banda de Gaitas de Paramos e a proxección dun vídeo conmemorativo.
O primeiro dos recoñecementos da noite foi o Premio á Cultura, que recaeu no Festival de Cans, unha iniciativa que transforma o Porriño nun referente do cinema galego, combinando vangarda, participación veciñal e identidade rural. Recolleu o galardón o director do festival, Alfonso Pato. O premio foi entregado por Bienvenido Estévez, Concelleiro de Cultura do Concello do Porriño.
A continuación, entregouse o Premio á Empresa, que foi para Imprenta Paz e Gráficas Bolfer, dúas empresas familiares cunha longa traxectoria vencellada ao desenvolvemento do tecido económico local. Foron recoñecidas polo seu compromiso coa calidade, a innovación tecnolóxica e o servizo á comunidade. A entrega deste premio correu a cargo de Carlos Martínez, Tenente-Alcalde e Concelleiro de Industria do Concello do Porriño.
O Premio ao Compromiso Social recaeu no Círculo Recreativo Cultural CRC, unha entidade histórica no municipio que ten servido como espazo de encontro e dinamización durante décadas. Recolleu o premio o seu presidente, Abel Gallego, e fixo a entrega Nava Castro, Deputada de Turismo.
No ámbito deportivo, o Premio ao Deporte foi concedido a Claudio Giráldez González, actual adestrador do Real Club Celta de Vigo e referente na formación de base e nos valores do deporte. O galardón foi recollido polo seu sobriño xa que o premiado non puido asistir e enviou un vídeo de agradecemento. A encargada de facer a entrega foi Ana Ortiz, Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo.
O momento máis emotivo da noite chegou coa entrega do Premio de Honra, concedido a título póstumo a Lola Magno, coñecida como “Lola a fotógrafa”, pioneira da fotografía no Porriño e autora dun arquivo visual irrepetible sobre a vida e evolución da vila. O premio foi recollido pola súa filla, Cristina Blázquez, e entregado polo Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.
No peche da gala, o alcalde agradeceu a presenza de todos os asistentes e “o exemplo de cada persoa e entidade premiada, que coa súa traxectoria dignifican o nome do Porriño e representan o mellor da nosa identidade”. Na súa intervención, destacou tamén que:
“Hoxe reafirmamos algo que os porriñeses sentimos cada día: que aquí hai talento, hai memoria e hai futuro. Estes premios non son só unha homenaxe a Antonio Palacios, senón tamén unha mirada cara a todo o que somos capaces de construír como comunidade.”
A música da Banda de Gaitas de Paramos puxo o broche final a unha noite que quedará na memoria colectiva do municipio, unindo recoñecemento e celebración arredor da figura do arquitecto Antonio Palacios, símbolo do orgullo porriñés.