O Concello do Porriño continúa apostando de maneira firme polo fomento do deporte e o fortalecemento do tecido deportivo. En total, a administración local destina este ano 2 millóns de euros do orzamento municipal a promover a actividade deportiva, cunha énfase especial no deporte base e a organización de eventos de primeiro nivel.
Un dos puntos crave desta aposta é a concesión de preto de 500.000 euros en axudas directas aos clubs deportivos. Este importe supón un incremento de 50.000 euros respecto ao ano anterior.
Estas subvencións benefician a un total de 15 entidades de diversas modalidades deportivas. Neste sentido, destacan dúas novas subvencións directas: a Asociación Deportiva A Forna, organizadora do Budiño Raid, recibe unha axuda de 5.000 euros, e o Club Master Louriña obtén 15.000 euros para as súas actividades. Ademais, outras axudas xa existentes aumentan nun 20% para o Patín Porriño, un 10% para o Porriño Industrial FC, un 10% para a Unión Deportiva Atios e tamén un 10% para a Escudería Rías Baixas, organizadora do recoñecido Rallye Rías Baixas.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou a importancia destes investimentos, destacando que “o deporte é unha peza crave para o desenvolvemento do Porriño, non só en termos de saúde e benestar, senón tamén como motor de integración social e promoción do noso pobo. Con este importante investimento, reafirmamos o noso compromiso cos clubs deportivos, apoiando o seu traballo e axudando a consolidar o Porriño como un referente no deporte a nivel nacional”.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, quixo resaltar o papel fundamental que desempeñan, “os clubs deportivos de Porriño son o corazón do noso deporte base, e é a nosa responsabilidade darlles o apoio que merecen. Grazas a este aumento nas axudas, buscamos que os nosos deportistas, adestradores e entidades poidan seguir crecendo, e que os eventos que organizan sigan sendo un referente en Galicia e máis aló”.
Con máis de 2.500 licenzas deportivas nunha poboación de pouco máis de 20.000 habitantes, Porriño demostra ser un municipio cunha forte vocación deportiva, abarcando disciplinas de todo tipo e con representación en competicións nacionais.
O compromiso do Concello non se limita só ás axudas aos clubs deportivos, senón que tamén se estende á promoción cultural, veciñal e asociativa. En total, destina preto de 800.000 euros en axudas directas a asociacións culturais, veciñais e deportivas.
O rexedor concluíu destacando que “O Porriño é un exemplo claro do que pode lograrse cando se aposta polo deporte como parte da educación e o benestar. Seguiremos traballando para que todos os nosos deportistas, desde os máis pequenos ata os máis experimentados, sigan gozando de oportunidades para crecer e destacar nas disciplinas que elixan sen ter saír do seu pobo”.