O Porriño, 4 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño celebrou un novo encontro dos Almorzos Pedagóxicos, unha iniciativa que consolida o traballo conxunto entre a administración local e os equipos directivos dos centros educativos do municipio.

Esta reunión serviu para afondar no intercambio de impresións, detectar necesidades actuais dos colexios e institutos e avanzar en propostas que contribúan a mellorar a calidade do ensino na nosa vila. O formato destes encontros, máis próximo e participativo, permite abordar cuestións prácticas do día a día educativo e poñer en común experiencias e boas prácticas.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou o valor destes almorzos como ferramenta de escoita activa e coordinación. “Estes encontros permítennos coñecer de primeira man a realidade dos centros e actuar con máis eficacia. Apostamos por unha relación fluída, na que as ideas se compartan con naturalidade e se transformen en medidas concretas que beneficien á comunidade educativa. Un dos obxectivos desta iniciativa é que as cousas non queden en papeis ou reunións formais. Queremos traballar de maneira práctica, que o diálogo sexa real, directo e con resultados”, sinalou.

Durante a xuntanza tamén se avanzou na planificación de futuras accións conxuntas, facendo fincapé na importancia de impulsar proxectos que fomenten a participación do alumnado e a colaboración entre centros. Segundo explicou o rexedor, “o obxectivo é seguir construíndo unha educación de calidade, con recursos axeitados e co apoio constante do Concello”.

Ademais, avanzouse na planificación de futuras accións, co foco na participación do alumnado e na colaboración entre centros, e tratouse a cuestión do reforzo de recursos e a ampliación da oferta formativa. Segundo explicou o rexedor: “A través dos fondos europeos contaremos con aulas de formación que tamén poderán aproveitar os centros educativos. É unha oportunidade para mellorar as competencias do profesorado e do alumnado, e para dinamizar a oferta educativa na nosa vila”.

Os Almorzos Pedagóxicos celébranse de xeito trimestral, consolidándose como un espazo estable de diálogo para aliñar as políticas municipais coas necesidades reais do ámbito educativo no Porriño.