- O alcalde Alejandro Lorenzo recibe no Concello a Toni Fernández, apicultor que vén de gañar un ouro na Paris Internacional Honey Awards, e á súa filla Lola, finalista do Concurso de Patrimonio Nacional de Pintura Infantil e Xuvenil
O Porriño, 7 de agosto de 2025.- Doce e colorido triunfo é o acadado por unha familia do Porriño. Toni Fernández representa a catro xeracións de apicultores que gañou un ouro no Paris Internacional Honey Awards 2025 coa súa marca Puramel Sacra, a única galega que conseguiu colarse entre as mellores deste concurso de meles celebrado na capital francesa e que conta cos indicativos da IXP Mel de Galicia, Artesanía Alimentaria e Galicia Calidade, unha distinción que non só avala o produto, senón tamén o traballo dunha familia que leva 130 anos dedicada á apicultura.
Este éxito veu acompañado doutro, o da súa filla Lola Fernández que, cursando 6º de Primaria resultou finalista do XXXIV Concurso de Patrimonio Nacional de Pintura Infantil e Xuvenil polo cal recibiu un premio, da man da Súa Alteza Real a Infanta Doña Elena, nun acto celebrado no Palacio Real de El Pardo. Só dúas galegas lograron acadar esta distinción, situándose nun lugar destacado entre os máis de 3000 participantes.
“Esta familia representa os valores que máis apreciamos: dedicación, orgullo polo noso, respecto pola tradición e unha clara aposta polo futuro. O Porriño enteiro celebra con vós estes éxitos, que tamén sentimos como nosos”, indicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, durante a recepción no Concello a pai e filla, que agradeceron este recoñecemento institucional. “Levar máis dun século facendo mel e que agora se valore así, tanto dentro como fóra de Galicia, é unha emoción enorme. Este recoñecemento non é só para min, é para toda a miña familia e para todas as persoas que apostan polo produto local e de calidade”, sinalou Toni Fernández que eloxiou o labor do seu bisavó, avó e agora do seu pai, tamén Antonio, que aos seus 84 anos segue en activo.
O premio de pintura, pola súa parte, pon en valor o talento artístico da xuventude e o traballo educativo nas aulas. Lola agradeceu do mesmo xeito ao Concello este recoñecemento, “faime sentir orgullosa e con moitas ganas de seguir traballando e mellorando” e tivo boas palabras tamén para “os meus profesores e compañeiros que me animaron a participar e a aprender cada día máis sobre a arte e o patrimonio, que son unha parte importante da nosa identidade.”
O Concello do Porriño demostra, unha vez máis, o seu compromiso coa promoción e apoio ao talento local. Así, a través deste recoñecemento público, “non só valoramos o esforzo e os éxitos dunha familia que representa o mellor do noso patrimonio cultural e produtivo, senón que tamén fomenta o orgullo colectivo e impulsa a continuidade dunha historia que une xeracións”.