Pérez Ouro, xunto con representantes do Club Balonmano Porriño, mantiveron unha xuntanza para rematar cos derradeiros detalles que quedaban pendentes da organización da fase final da Copa da Raíña de Balonmán, que se disputará no Porriño o sábado 29 e domingo 30 de abril e o 1 de maio.
A alcaldesa lembrou que eses días O Porriño recibirá a máis de 15.000 persoas, entre afeizoados, adestradoras, xuíces, xogadoras, dirixentes deportivos e xornalistas, e que “todo está xa disposto para que se sintan entre nós coma na súa casa”.
García de la Torre, como xa manifestara o concelleiro de Deportes e tenente de alcalde, Manuel Carrera, subliñou a importancia que ten para a vila organizar “de novo, por segunda ocasión consecutiva”, este campionato que, sinalou, “sitúa de novo ao Porriño no chanzo máis alto do deporte nacional”, e que terá un considerable impacto, ademais, no ido económico e social.
A alcaldesa adiantou que nesta edición, se apostará por potenciar as actividades no exterior do Pavillón Municipal de Deportes, coa colocación, por parte da Federación Española de Balonmano, dun percorrido de inchábeis e propostas relacionadas co balonmán.
Ademais, haberá unha carpa cunha oferta culinaria variada de xeito que o público poida gozar, entre partido e partido, mesmo nos descansos dos mesmos.
Hai que lembrar que, dacordo co programa de competición, a fase final empeza coa disputa, o sábado día 29, dos cuartos de final. O primeiro partido –ás 12:30 h. será o que enfrontará a Granollers co Mecalia Guardés; ás 4 da tarde xogarán o Bera-Bera co B.M.Elche; ás 6 o Rocasa Canarias contra o C.R. Málaga e, ás 8 e media, chegará o encontro máis agardado, o do Alcobendas co Balonmano Porriño.
As semifinais se xogarán o domingo, día 30, ás 4 e ás 6 e media da tarde, e á final o luns, día 1 de maio, ás 13:00 h.
En paralelo á disputa da Copa da Raiña ‘absoluta’, as integrantes dos equipos cadetes- de 14 a 17 anos- do Granollers, Mecalia Guardés, Bera-Bera, B.M. Elche, Rocasa Canarias, C.R. Málaga, Alcobendas e Balonmano Porriño, xogarán por facerse coa ‘Minicopa da Raíña’ 2017.