- Delegados e delegadas de 17 países coñeceron o patrimonio, a cultura e os recursos turísticos do municipio, e mantiveron un encontro co alcalde
O Porriño, 28 de maio de 2025.- O Concello do Porriño acolleu hoxe a visita institucional dunha ampla delegación de ASICOTUR (Asociación Internacional para a Cooperación Turística), que se despraza ao municipio no marco do congreso internacional “Conecta e Lidera 2025”, celebrado en Mondariz Balneario.
A delegación está integrada por representantes de 17 países e forma parte dunha rede internacional presente en 37 estados e composta por máis de 125 delegados e socias/os de honra, con forte presenza nos ámbitos hispano e lusófono. A visita ao Porriño supón unha oportunidade estratéxica para proxectar o potencial turístico, cultural e patrimonial do municipio a nivel internacional.
Durante a xornada, as persoas participantes foron recibidas polo alcalde, Alejandro Lorenzo, nun acto institucional. Posteriormente realizaron a Ruta de Antonio Palacios xunto coa concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, coñecendo de primeira man o legado do insigne arquitecto porriñés, así como outros elementos emblemáticos do patrimonio local.
ASICOTUR é unha organización sen ánimo de lucro que promove a cooperación turística internacional, o intercambio de experiencias e a creación de proxectos conxuntos, especialmente orientados ao desenvolvemento turístico sostible en países emerxentes. Conta co respaldo de ONU Turismo.
O congreso “Conecta e Lidera 2025”, no que se enmarca esta visita, reúne durante dúas xornadas a expertos e emprendedores de Europa, África e América para debater sobre retos clave no sector, como o emprendemento feminino e xuvenil, a intelixencia artificial, o turismo inmersivo, a cooperación internacional ou novas tendencias como a gamificación e o turismo deportivo. Tamén inclúe obradoiros prácticos, espazos de networking e actividades formativas de alto valor académico.
Desde o Concello do Porriño, valoramos moi positivamente esta visita e agradecemos a elección do noso municipio como parte deste evento internacional. Seguiremos traballando para situar O Porriño no mapa do turismo sostible, cultural e patrimonial a nivel global.