O Concello do Porriño avanza no deseño da súa axenda urbana, un marco de referencia para a planificación estratéxica do Porriño dos próximos anos. Esta inclúe unha diagnose da situación actual, que permitirá identificar e definir as necesidades do municipio e os principais retos a afrontar permitirá acceder de forma máis eficaz e competitiva á financiación precisa.
No marco desta folla de ruta atópase unha intervención global no barrio da Malladoura, que contempla varias intervencións de acondicionamento e humanización na contorna proxectadas para os próximos anos.
Tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “o barrio da Malladoura era unha das asignatura pendentes no desenvolvemento do centro urbano e a súa mellora vén sendo demandada pola veciñanza dende hai anos polo mal estado no que se atopa”. “A humanización da Malladoura e a súa posta en valor é esencial para conéctalo co resto da vila, máis anda cando o número de habitantes se incrementou notablemente nos últimos anos”, continuou o rexedor, “Por iso proxectamos varias intervencións dirixidas a ofrecer á cidadanía unha contorna máis habitable e un espazo público urbano de calidade”.
Unha delas é a obra de peonalización e construcción de beirarrúas entre a rúa Lugo e a rúa Malladoura. Estes traballos, cuxo preceptivo proxecto técnico xa está en redacción, humanizarán un tramo de preto de 250 m dunha zona de vivendas, na que se acometerán beirarrúas de formigón a ambas marxes da calzada e se dotará da necesaria iluminación.
Proxectase tamén a humanización da rúa Navuxil, con novas beirarrúas e mellora da calzada, nun tramo de 380 m que conecta o penedo da Malladoura coa travesía Antonio Palacios C. Unha zona de moito tránsito de vehículos e peóns ao albergar un colexio. Está mellora completa o proxecto xa redactado de acondicionamento e humanización das rúas que conectan Aloques con Antonio Palacios, que inclúe as rúas Tarela e inicio de Navuxil.
O asfaltado e mellora do saneamento da rúa Lugo e o proxecto de renovación da rede de pluviais que resolvería os problemas de auga na rúa Coruña, xa en redacción, completan as intervencións desta primeira fase.