O Concello do Porriño e AFAGA poñen en marcha o programa “Cultiva a mente” co obxectivo de previr a demencia e promocionar hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional nas persoas maiores de 55 anos.
Trátase dun ciclo de obradoiros impartidos por un psicólogo con formación específica no desenvolvemento e execución de plans de prevención do deterioro cognitivo. Neles abordaranse diferentes cuestións como o envellecemento activo, a promoción das relacións sociais e prevención da soidade, a independencia e autonomía, a memoria, a atención e a orientación, entre outros.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de “promover o envellecemento activo e dotar aos nosos maiores das ferramentas necesarias para previr e detectar os primeiros sinais da demencia. Nestes momentos que vivimos, nos que moitas persoas se viron illadas polas restricións impostas pola pandemia, é máis necesario que nunca actuar e poñer en marcha iniciativas que permitan ás persoas maiores socializar e disfrutar tamén desta etapa da súa vida”.
O programa desenvolverase no Centro Sociocomunitario (Pío XII S/N) un día á semana, concretamente os luns, e terán unha duración de dúas horas (de 10:30 a 12:30h).
Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse xa chamando ao 986 337 624 ou a través dun Rexistro dirixido á Casa da Cultura.