• Celébrase o domingo dende as 11:00 h e conta con 166 participantes

O Porriño, 12 de xuño de 2025.– Esta mañá celebrouse no Concello do Porriño a presentación oficial do X Tríatlon O Porriño–Tui, que se desenvolverá este domingo 15 de xuño nun percorrido que unirá ambos municipios a través de tres disciplinas: natación, ciclismo e carreira a pé.

O tríatlon, organizado polo Concello do Porriño, coa colaboración de Tui e FEGATRI, arrancará o domingo ás 11:00 h e rematará arredor das 13:00 h, con de 166 participantes. A saída terá lugar desde a Comandancia Naval do Miño en Tui e a meta estará situada diante da Casa do Concello do Porriño..

A triatleta Carla Guisande, campioa de España Supersprint Relevos/Parellas e campioa de España Duatlón Contrarreloxo, agradeceu ser a madriña desta edición e sinalou que “é unha honra formar parte dun evento que representa o espírito do tríatlon e o esforzo compartido”.

O acto contou coa presenza do Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; do Concelleiro de Deportes, Abel Estévez; do Concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez; do Director Deportivo da FEGATRI, Carlos David Prieto; e da Triatleta Carla Guisande Vieito, madriña da proba e referente galega neste deporte.

Durante a súa intervención, o Alcalde, Alejandro Lorenzo destacou: “É un orgullo presentar unha proba que une deporte, colaboración institucional e posta en valor do noso territorio. Apostamos polo deporte como ferramenta de saúde, turismo activo e convivencia entre concellos”.

O Concello reafirma así o seu compromiso cun deporte inclusivo, seguro e transformador, que implica á veciñanza, ás institucións e ao territorio.