O Porriño, 24 de xuño de 2025.- O Alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, mantivo esta mañá un encontro cos medios de comunicación no que presentou a nova edición do Día do Porriño Orgulloso e anunciou novas actuacións en materia de saneamento nas parroquias, cun investimento continuado e comprometido coa mellora da calidade de vida da veciñanza.
Unha vila orgullosa, diversa e comprometida
O Día do Porriño Orgulloso 2025 celebrarase o sábado 28 de xuño no Paseo do Louro, coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGTBI+. A xornada contará cunha programación continua desde as 16:00 horas ata as 2:00 da madrugada, pensada para todos os públicos.
As actividades infantís desenvolveranse de 16:30 a 20:30 horas, con inchables de auga e de salto para os máis pequenos. Entre as 18:00 e as 20:00, haberá obradoiros de tatuaxes temporais e pintacaras. Ademais, a tarde contará coa participación especial do Mago Marco, que sorprenderá ao longo da xornada.
Durante toda a tarde e noite, o escenario do Paseo do Louro vibrará coa música en directo de varios artistas, entre os que destacan Acoustic (16:00), Law (17:00), Iker Faure’s Band (18:00), Sheila Patricia (19:00), As Drags (20:00) e Orballo Cultural (21:00). Ás 23:00 terá lugar o gran concerto de Baiuca, un dos artistas galegos con maior proxección internacional, que ofrecerá un espectáculo audiovisual impactante.
Un dos momentos máis especiais da xornada será a Gala Drag Queen do Porriño Orgulloso, conducida por Marlen Soto e Khrystal De Luxe, coa actuación estelar de Marisa Prisa, unha das figuras máis queridas do panorama drag estatal.
A festa estará acompañada de foodtrucks, postos de segunda man, presenza de protectoras de animais e actividades pensadas para toda a familia, convertendo esta cita nun espazo de encontro, inclusión e celebración para toda a veciñanza e visitantes.
“O Porriño é unha vila orgullosa, aberta, diversa e comprometida coa igualdade real e efectiva. Animamos a toda a veciñanza a sumarse e participar nesta xornada tan especial”, sinalou o Alcalde, Alejandro Lorenzo.
Saneamento: prioridade para as parroquias
O alcalde anunciou tamén a execución de novas actuacións de saneamento en diversas parroquias, sinalando que a prioridade absoluta do Concello son os núcleos rurais.
As intervencións previstas inclúen melloras en saneamento en Budiño, Eiriz, Seixo, Cerquido e Arrotea. Así mesmo, destacou que hai actuacións pendentes de autorización por parte da Confederación Hidrográfica, como as de Benunes en Budiño e a de Carbón en Atios, así como proxectos para iniciarse en Torneiros, Mosende e Chenlo.
Lorenzo fixo fincapé en que se trata dun compromiso firme coa mellora dos servizos básicos e lembrou que, desde 2022, o Concello do Porriño leva investidos máis de 4,2 millóns de euros en obras de saneamento, gracias á colaboración entre distintas administracións, como a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o propio Consorcio do Louro, que achegaría arredor de 850.000 euros en novas actuacións de abastecemento e saneamento en Torneiros e Budiño.
“Non se trata só de canalizacións e infraestruturas. Falamos de garantir dignidade, salubridade e igualdade para todos os veciños, vivan onde vivan”, concluíu o rexedor.