O Porriño, 9 de xullo de 2025.- Esta tarde celebrouse nas instalacións do Multicentro de Torneiros o acto de presentación do curso “Intelixencia Artificial Xerativa: a última revolución”, incluído na 36ª edición dos Cursos de Verán da UNED e organizado polo Centro Asociado da UNED en Pontevedra coa colaboración do Concello do Porriño. A actividade desenvolverase entre o 9 e o 11 de xullo na Aula UNED do Porriño, contando cunha notable participación de preto de 70 persoas inscritas, en modalidade presencial e online.
No acto institucional interviñeron Fco. Javier Palencia-González, director do curso e profesor da UNED; Víctor Manuel González Sánchez, director do Centro Asociado UNED Pontevedra; e Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño. Ademais, asistiron Alfonso Vázquez Reboredo, subdirector do centro asociado e Rosa Isabel Alonso, concelleira de Comercio, Transparencia, Infancia, UNED e Proxectos Europeos.
Durante a súa intervención, o alcalde, Alejandro Lorenzo, salientou a consolidación da UNED no Porriño como un proxecto educativo estratéxico, destacando que “a UNED no Porriño é unha realidade gracias á á xestión eficaz e ao compromiso coa educación como motor de igualdade e progreso”.
O curso ofrece unha introdución rigorosa e accesible á Intelixencia Artificial Xerativa, abordando a súa historia, funcionamento, aplicacións prácticas, implicacións éticas e impacto social. Ao longo das diferentes sesións, as persoas asistentes poderán coñecer as posibilidades da IA xerativa na creación de textos, imaxes e vídeo, así como a súa utilidade na programación, na interacción con axentes conversacionais e na mellora de ámbitos como a ciberseguridade ou a xestión das cidades intelixentes. Contarase coa participación de especialistas pertencentes a universidades como a UNED, a Universidade Carlos III de Madrid, a Universidade Autónoma de Madrid, a Universidade de Oviedo e a Universidade Rey Juan Carlos.
O curso está deseñado para un público xeral e non require coñecementos técnicos previos. Pode seguirse tanto presencialmente como en liña, en directo ou en diferido, garantindo o acceso flexible á formación para todas as persoas inscritas.
A Aula UNED do Porriño, situada no Multiusos de Torneiros, foi inaugurada no curso 2022/2023 e, desde entón, consolidouse como un referente educativo na comarca. Este espazo facilita o acceso á educación superior sen necesidade de desprazarse fóra do municipio, ofrecendo titorías presenciais, biblioteca, programas de acceso á universidade para maiores de 25 anos, cursos formativos e orientación académica continua. O éxito de participación neste curso reafirma a aposta do Concello do Porriño por servizos públicos próximos, útiles e transformadores, que achegan oportunidades reais de formación e mellora profesional á veciñanza.
Para máis información sobre este curso e o resto da programación dos Cursos de Verán, as persoas interesadas poden consultar a web www.uned.es/ca-pontevedra ou contactar a través do correo electrónico cverano@pontevedra.uned.es.