O Porriño, 25 de xuño de 2025.– A Praza Arquitecto Antonio Palacios acolleu esta tarde a presentación oficial da 58ª edición do Rallye Recalvi Rías Baixas, unha das probas máis emblemáticas do calendario automobilístico estatal e cita clave do Supercampionato de España de Rallyes (S-CER).

O acto contou coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; do presidente da Escudería Rías Baixas, Damián Giráldez; do piloto José Antonio Martínez del Río, así como doutros membros da organización e persoas vinculadas ao mundo do motor. Durante a presentación expuxéronse varios vehículos participantes e detalláronse os aspectos deportivos da carreira.

O rallye disputarase entre os días 3 e 5 de xullo, cun percorrido total de 449 quilómetros, dos que 129 serán cronometrados en tramos de competición. Entre estes tramos, destaca especialmente o que atravesa o Porriño, o tramo Gondomar–O Porriño, con 11,450 km, que será unha das etapas máis decisivas da proba. 

O tramo que pasa por Porriño, previsto para o sábado 5 de xullo e que se poderá ver a partir das 12:18h pola mañá e a partir das 17:18h pola tarde, converte ao municipio nun dos escenarios centrais do rallye, non só polo seu tramo de competición, senón tamén pola súa relevancia na organización da proba. O Porriño acollerá as verificacións técnicas e administrativas e será sede dun dos reagrupamentos oficiais, que se celebrará nas inmediacións do Pavillón de Deportes. Esta infraestrutura e a localización estratéxica do municipio fan que o Porriño teña un papel clave na loxística e desenvolvemento do evento.

Ademais, diante dos concellos de Gondomar, Nigrán e Salceda de Caselas realizaranse os controis de paso durante a mesma xornada do sábado, o que sitúa a esta zona como un núcleo importante no percorrido do rallye.

O alcalde Alejandro Lorenzo destacou que “acoller unha proba desta categoría é un orgullo e unha oportunidade para que O Porriño se vexa como o que é: unha vila viva, moderna, apaixonada polo deporte e con capacidade para organizar eventos de primeiro nivel”.

Con esta colaboración, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co apoio ao deporte, á dinamización local e á promoción do municipio dentro e fóra de Galicia.