O goberno municipal do Porriño presenta ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra catro proxectos que “apostan pola humanización das rúas e polo aumento da rede de saneamento nas parroquias”, segundo explicou Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas.
Das catro propostas, a máis ambiciosa polo seu coste, é o proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez. A actuación será no tramo desa rúa entre a confluencia coa rúa Xogo da Ola e a praza de San Sebastián.
As obras consistirán no levantamento do pavimento tanto na calzada coma nas beirarrúas; renovación das redes de pluviais e fecais; renovación da rede de alumeado público; renovación da rede de abastecemento; pre instalación para telecomunicacións e da rede de baixa tensión; nova pavimentación en granito e mobiliario e renovación da zona de xardíns.
O proxecto ten un orzamento de 391.322,95 € mais o IVE do 21% correspondente.
“Unha vez rematada a humanización deste tramo, a rúa Manuel Rodríguez terá un uso totalmente peonil”, segundo avanzou o concelleiro de Infraestruturas.
O Concello tamén presentou para acollerse ás achegas da Liña 1 do Plan Concellos, tres actuacións nas parroquias “coas que seguimos avanzando no aumento da rede de saneamento no rural”, manifestou Pereira Fernández.
Son os seguintes:
Proxecto de saneamento no barrio da Portela do Souto en Atios, cun orzamento de 111.589,47 € mais IVE.
Proxecto de saneamento no Corzón en Pontellas cun orzamento de 46.388,42 € mais IVE
Saneamento de ampliación de rede no barrio da Arrotea – Lameira en Pontellas cun orzamento de 95564,36 mais IVE.