O Concello do Porriño, a través da Concellaría de Igualdade, presentou hoxe na Casa Consistorial a programación de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller. Baixo o lema “8M, 365 días”, o programa deste ano pon o foco na necesidade de reivindicar os dereitos das mulleres e a igualdade de xénero non só cada 8 de marzo, senón todos os días do ano.
O acto de presentación contou coa participación do alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo Alonso, e da concelleira de Igualdade e Educación, Carolina González Costas, que destacaron a importancia de seguir traballando en políticas de igualdade e na visibilización das mulleres.
“O 8M é un día simbólico, pero a loita pola igualdade é diaria. Con esta programación queremos poñer en valor o papel das mulleres do noso concello, da nosa historia e da nosa cultura”, sinalou o alcalde. “Queremos que O Porriño sexa un referente na loita feminista, e iso conséguese coa implicación de todas e todos”, engadiu.
Pola súa banda, a concelleira Carolina González Costas destacou a diversidade das actividades programadas: “Esta programación quere chegar a todas as idades e sectores da poboación, desde a infancia ata as persoas maiores. Apostamos por actividades culturais, educativas e de lecer que poñan en valor ás mulleres e a súa historia”.
Programación 8M 2025
Sábado 8
- Ás 12:00 horas: Instalación do Punto Violeta na Praza do Concello e presentación do libro “Corpo Nómade”, de Tere Ríos Noya, acompañada dun recital poético con música de guitarra.
- Ás 12:15 horas: Lectura do manifesto do 8M, seguida do reparto de rosas moradas entre as mulleres presentes e do nomeamento simbólico de rúas e prazas con nomes femininos.
- Ás 12:30 horas: Proxección dunha video reportaxe conmemorativa do 8M.
Xoves 13
- Ás 17:00 horas: Xogos tradicionais con enfoque de xénero para a cativada: Xogos de Sororas. Unha proposta lúdica para fomentar a igualdade a través de xogos populares e tradicionais, incluíndo o xogo SororAs na Memoria, que permitirá coñecer mulleres galegas clave na historia.
Venres 14
- Ás 19:30 horas: Concerto de LAW, quen traerá ao Porriño un dos seus recoñecidos “rituais de barrio”, mesturando reggae, r&b, psytrance e música tradicional galega, para reivindicar a igualdade a través da música e celebrar o papel das mulleres artistas na historia.
Actividade educativa: “Banco da Igualdade”
Ademais da programación aberta ao público, a Concellaría de Igualdade, en colaboración coa OMIX, desenvolverá a actividade “Banco da Igualdade” nos centros educativos do concello. Cada centro participante recibirá un banco de madeira e pintura púrpura, co obxectivo de que o alumnado o decore con frases inspiradoras sobre igualdade, respecto, tolerancia e apoderamento das mulleres.
“Esta actividade é unha forma de implicar á infancia e mocidade na reflexión sobre a igualdade, promovendo ao mesmo tempo o uso do galego e a creatividade”, explicou Carolina González Costas.
O Concello do Porriño anima á veciñanza a participar activamente nos actos programados, co convencemento de que a igualdade real e efectiva constrúese coa implicación de toda a sociedade, día a día.