O Porriño, 9 de xullo de 2025.- Esta mañá tivo lugar a presentación oficial da IX edición de Porrigalia, a festa dos Xogos Olímpicos do Porriño, que se celebrará os días 12 e 13 de xullo e que converterá as rúas da vila nun escenario onde convivirán galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos, que ademais competirán en probas olímpicas, desfilarán por toda a vila e animarán a veciñanza a desfrutar dunha programación chea de música, espectáculos, gastronomía e actividades para todas as idades.
O acto, celebrado na Praza Arquitecto Antonio Palacios, contou coa presenza de representantes da hostalería e do comercio local, así como das entidades sociais, culturais e deportivas que participan activamente na organización desta edición. Acompañados tamén polos célebres Astérix, Obélix e Ideafix, deron a coñecer a programación que converterá O Porriño no epicentro da festa e da historia viva esta fin de semana.
Este ano, a festa contará cun gran desfile no que participarán máis de 150 persoas, distribuídas en 9 comparsas que representarán as distintas civilizacións. O pregón oficial será o sábado 12 ás 13:00 h, a cargo do influencer Miguel Mandayo, quen tamén acenderá a chama olímpica acompañado por Tonhito de Poi e Pepo Suevos.
O Alcalde, Alejandro Lorenzo, presente no acto, destacou o carácter participativo e colectivo da celebración e aproveitou para facer un agradecemento público a todas as asociacións, ANPAS, clubes deportivos, agrupacións culturais, comerciantes e hostaleiros do Porriño que fan posible esta festa: “Porrigalia é unha festa feita por e para a xente do Porriño. É unha mostra da nosa creatividade, do noso humor e das ganas de pasalo ben en comunidade. Este ano teremos actividades para todos os públicos, pensadas para compartir en familia e coas amizades. Quero agradecer de corazón o traballo e implicación de todas as asociacións, ANPAS, clubes deportivos, agrupacións culturais, comerciantes, hostaleiros, persoal municipal e voluntariado que fan posible que Porrigalia siga medrando ano tras ano”.
Pola súa parte, os Concelleiros de Cultura e Deportes, Bienvenido Estévez e Abel Estévez, aproveitaron para animar a toda a veciñanza, grandes e pequenos, a poñerse a túnica, a coroa de loureiro ou o casco castrexo e saír á rúa para vivir esta experiencia única.
PROGRAMACIÓN COMPLETA PORRIGALIA 2025
O sábado 12 de xullo, a xornada comezará ás 11:30 h coa animación de rúa a cargo da Charanga Anchoa, Batucada Lenha Verde e Batucada da Asociación Cultural Miúdos, que percorrerán as principais rúas do centro. Ás 12:00 h terá lugar o gran desfile da chama olímpica, que sairá do templete da rede de San Luis e chegará á Praza Arquitecto Antonio Palacios, coa participación da Garda Romana (Legio X Gemina do Club Falcata) e a recepción oficial do Rei Castrexo Pepo Suevos, acompañado por Tonhito de Poi. Ás 13:00 h, o influencer Miguel Mandayo será o encargado de ler o pregón oficial e acender a chama olímpica, nun acto no que tamén terá lugar o destronamento simbólico do alcalde por parte do rei castrexo. A continuación, ofrecerase un concerto de Pink Porris, na mesma praza. Trátase dunha banda de punk rock local de Atios, O Porriño. Son coñecidos pola súa enerxía, a súa música parte o granito. Ás 14:00 h, abrirán as tabernas da vila para o xantar popular e, ao mesmo tempo, desenvolverase un showcooking en directo, na Praza do Concello, a cargo do cociñeiro Julio Mato.
Pola tarde, desde as 18:00 h, haberá obradoiros infantís polas rúas e dúas sesións de exhibicións de voos de cetraría no Parque Infantil (ás 18:00 h e 19:00 h). Entre as 19:00 h e as 22:00 h, diferentes DJs amenizarán varias prazas da vila, ao tempo que continúa a animación de rúa coa Charanga Fanfarria Furruxa, Charanga Os Caliqueños, Batucada Lenha Verde e Batucada Miúdos (de 19:00 a 23:00 h). Ás 19:30 h, celebrarase na Praza do Cristo a tradicional competición das Olimpíadas Técnicas, mentres que ás 21:00 h o Mimo Karkocha levará o seu espectáculo itinerante polas rúas. Ás 22:00 h, o grupo Os Mendigos ofrecerá un concerto de música medieval na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Ás 23:30 h, terá lugar a gran queimada popular, a cargo do mítico Rei Panoramix, e ás 23:45 h pechará a noite o concerto de Los Kabrönes!!! + sesión DJ na rúa Domingo Bueno.
O domingo 13 de xullo, o día arrincará ás 10:30 h co Gran Desfile Olímpico, desde o templete da rede de San Luis ata a Praza Arquitecto Antonio Palacios, coa participación das cinco civilizacións. Ás 11:00 h, celebraranse na Praza do Cristo as probas olímpicas protagonizadas polas comparsas de galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos, e ao mesmo tempo continuará a animación de rúa coa Charanga Turres Band, Charanga Sacacorchos e Batucada Os Vikingos. Ás 12:30 h, o grupo Louband actuará en concerto na Praza Arquitecto Antonio Palacios, seguido dunha nova exhibición de voos de cetraría no Parque Infantil ás 13:00 h.
Pola tarde, ás 18:00 h, repetirán os obradoiros infanfs polas rúas e celebrarase un concerto infantil dobre, coa actuación da Orquestra de Camarote e do grupo Oviravai, tamén na Praza Arquitecto Antonio Palacios. Ás 18:30 haberá unha nova sesión de voos de cetraría e ás 19:00 h, os máis pequenos poderán participar na actividade “Gladiator Kids”, na Praza 8 de Marzo. A animación de rúa continuará ás 19:30 h cos mesmos grupos da mañá, e ás 21:00 h celebrarase o concerto de Los Hijos del Acorde, de novo na praza principal. A noite pecharase co espectáculo final “Errantes” da compañía Troula Animación, ás 22:30 h, coa entrega simbólica do bastón de mando, e ás 23:00 h, o concerto de Ortiga + sesión DJ, tamén na Praza Arquitecto Antonio Palacios, porá o broche de ouro a esta novena edición de Porrigalia.
O Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co fomento da cultura, o deporte e a participación cidadá, e invita a toda a poboación a unirse a esta celebración que representa o espírito e a esencia da vila. Porrigalia é un símbolo do traballo en equipo e da colaboración entre administración, entidades e veciñanza, e seguirá a medrar para converterse nunha referencia festiva e cultural da comarca.
Toda a programación de Porrigalia está dispoñible na web do Concello do Porriño porrigalia.org.