- O Parque Infantil acollerá este festival o vindeiro domingo, 21 de setembro, a partir das 10.00 horas, con competición de diferentes estilos e niveis, workshop e un concerto de Law
- Estréase unha nova categoría de hip hop e repartiranse máis de 2.600 euros en premios
O Porriño, 18 de setembro de 2025.- Volve a SummerSon Jam ao Porriño con máis enerxía ca nunca, unha nova categoría e máis premios. A recentemente renovada zona de lecer do Parque Infantil do Porriño converterase por un día nun escenario de baile urbano coa celebración da SummerSon Jam 2025. Será o vindeiro domingo, 21 de setembro, ao longo de toda a xornada, cando se leven a cabo batallas de bailes de diferentes estilos e niveis con participación en parellas nas categorías de beginners, para quen comeza e quere deixar xa pegada, e de advanced, de alto nivel. As inscricións continuarán abertas ata o propio día do evento, a través do correo electrónico info@maisonmusicaedanza.es ou do número de teléfono 600 304 056. A día de hoxe xa son numerosas as persoas inscritas, chegadas de toda Galicia e incluso do Perú. Pero ademais nesta edición, como novidade, engádese unha nova categoría, a de advanced hip hop, un auténtico cara a cara definitivo.
“A SummerSon Jam volve as súas orixes, ao Parque Infantil, agora totalmente renovado, cunha zona de baile que estará lista para as batallas, céspede, espazos de sombra e área de picnic e descanso. Un evento cun programa cheo de música e moito espectáculo para o público asistente”, explicaba o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto presentación do festival, organizado por Maison Música e Danza en colaboración co Concello do Porriño e enmarcado, un ano máis, na programación das Festas do Cristo. Con todo, no caso de choiva o evento trasladarase ao polideportivo municipal.
A competición de beginners será en horario de mañá, comezando ás 12.00 e ata ás 14.00 horas, e pola tarde, a partir das 16.00 horas será a quenda do alto nivel. Entre as diferentes categorías repartiranse máis de 2.600 euros en premios. A música da xornada virá da man de DJ Walid, residente da crew Street Life e dj de múltiples artistas, cunha carreira sólida en batallas de freestyle, e o broche de ouro do festival porao, ás 20.30 horas, un concerto de Law.
A maiores das competicións, a xornada abrirase, ás 10.00 horas, cun workshop de hip hop impartido pola francesa Lindsay Badness, bailarina con 16 anos de traxectoria no underground, experiencia en batallas lexendarias como Just Standing e Summer Dance Forever e formación internacional e visión única do baile urbano. A Lindsay Badness acompañarana no xurado Rick Indigo, Sara Herrera e un cuarto membro, exclusivo para a categoría beginners, BBoy Vlady, chegado dende Rusia.