O Porriño, 21 de xuño de 2025.- As rúas do Porriño énchense hoxe de cor, traballo comunitario e tradición coa elaboración das alfombras florais que preceden á celebración do Corpus Christi, unha das festas máis emblemáticas e participativas do noso municipio.
Desde primeiras horas da tarde, a partir das 17:00 h, comeza o pintado e posterior colocación dos tapices florais que cobren os 290 metros de rúa que unen a igrexa de Santa María coa praza do Arquitecto Antonio Palacios, sumando máis de 900 metros cadrados de arte efémera.
O motivo deste ano é a recuperación das nosas tradicións de tapices florais que datan do ano 1930 e que ademais homenaxeamos nos carteis promocionais.
As Amas de Casa Rosais, acompañadas por voluntarios e voluntarias doutras parroquias, levan semanas traballando na preparación dos materiais para dar vida a este tapiz colectivo.
Usaranse pétalos, follas, virutas de madeira, area e outros elementos naturais que converterán as rúas porriñesas nun auténtico espectáculo de cor e simbolismo.
“As alfombras do Corpus son moito máis ca unha tradición: son unha expresión da identidade do noso pobo, da súa historia e da súa capacidade para traballar xuntos por algo fermoso. É un orgullo ver como xeracións enteiras participan e manteñen viva esta arte. O Corpus no Porriño non se entende sen as súas alfombras”, destacou o Alcalde Alejandro Lorenzo.
Pola súa banda, a Concelleira de Turismo, Vanessa, subliñou o valor da participación veciñal: “Animamos a todas e todos, pequenos e maiores, a achegarse esta tarde e colaborar na elaboración das alfombras. É unha tradición viva e aberta, que nos une como comunidade”.
Festa de benvida ao verán
A partir das 18:30h, no Parque do Cristo, o Concello do Porriño da a benvida ao verán con música a cargo de DJ Ferro, DJ Samu C, DJ Varito_Guerreiro e DJ Meu. A festa contará coa actuación en directo dos grupos Wilson´s Band e King Kids. A entrada é de balde nun espazo ao aire libre pensado para gozar da cultura e do ambiente.
Os actos principais do Corpus Christi celebraranse mañá domingo, 22 de xuño, cunha misa solemne e procesión ás 12:00 horas desde a igrexa parroquial de Santa María, percorrendo o camiño decorado co esforzo e a ilusión de todo un pobo.