• O Concello celebra un emotivo acto de recoñecemento á traxectoria e ao legado de Carmen Alonso, Adoración Carrera, Mercedes Besada, Juana Freiría, Fermina Fernández, Dolores Codesada, Teresa Castro, Carmen Míguez e Carmen Martínez.

Porriño 8 de marzo de 2026.– Nun acto cargado de simbolismo e emoción, o Concello do Porriño rendeu homenaxe este domingo, 8M, a nove mulleres que representan a esencia viva e o motor invisible das parroquias do municipio. Baixo o lema de que “cada parroquia ten unha alma e moitas veces esa alma ten nome de muller”, a xornada serviu para reivindicar o papel fundamental das mulleres como piares da memoria, o traballo e a cohesión social.

As homenaxeadas, procedentes dos distintos puntos da xeografía local, foron: Adoración Carrera Rodríguez, fundadora de Érguete (O Porriño); Mercedes Besada Martínez, unha das fundoras da Coral de Budiño (Budiño); Juana Freiría Roris, xornaleira (Mosende); Carmen Alonso Alonso, tendeira (Chenlo); Fermina Fernández Pérez, costureira (Cans); Dolores Codesada Carracedo, leiteira (Atios), Teresa Castro López, mestra (Carracido), Carmen Míguez González, peixeira (Pontellas),  e Carmen Martínez Pérez, perruqueira (Torneiros). Todas as súas vidas representan traballo, esforzo, conciliación e unión coa comunidade.

Mulleres raíz e faros da comunidade

Durante o acto, o alcalde de O Porriño , Alejandro Lorenzo, destacou que estas nove mulleres son “como as raíces das árbores: non sempre se ven, pero sen elas nada se sostén”. A través de diversas metáforas, comparou a súa entrega coa firmeza das montañas, a fertilidade da terra e a guía constante dos camiños antigos. “Hoxe estas nove mulleres representan a todas esas mulleres que coidaron, traballaron, loitaron e ensinaron sen pedir nada a cambio. Son o pan de cada día: sinxelas, necesarias e imprescindibles”, sinalou durante o discurso oficial.

Un legado que constrúe pobo

A homenaxe puxo o foco en que a construción dun pobo non reside só nos seus edifícios ou as súas rúas, senón na súa xente e, moi especialmente, na “forza tranquila” das mulleres que uniron xeracións e transformaron o esforzo en froitos para a comunidade.

O acto contou coa participacion da Escola Municipal de Música do Porriño e coa intervención, ademais do alcalde, da concelleira de Igualdade, Carolina González Costas e, por suposto, das protagonistas, porque se trata de darlles voz para  facelas visibles.

O recoñecemento concluíu cun agradecemento unánime por seren “memoria, exemplo e camiño para quen vén detrás”, asegurando que o seu testemuño permite que as parroquias sigan sendo un fogar cheo de luz e esperanza.

As mulleres homenaxeadas:

  • CARMEN ALONSO ALONSO (Chenlo)

Á fronte dunha tenda e un bar ao longo da súa vida laboral, Carmen é unha institución en Chenlo. O seu traballo visible foi o sustento de moitos, pero foi o seu traballo invisible —o dos coidados, a crianza de catro fillos, as tarefas do campo e a atención aos animais— o que a converte como un expoñente máximo das mulleres da súa xeración.

A pesar de que Carmen afirma con humildade que “non viviu a vida” debido ao moito que traballou, a súa enerxía segue intacta: participa en clases de pilates, ximnasia de memoria e continúa activa no campo. O seu desexo para o futuro é claro e xusto: “que o home e a muller sexan iguais e que saiban facer de todo”.

  • DORA CARRERA (O Porriño)

A súa historia é a da , valentía e coraxe compartida. En 1984, Dora Carrera foi peza fundamental na fundación da Asociación Érguete xunto a Carmen Avendaño. Nunha época de sombras, este grupo de nais tivo a determinación de enfrontarse ao narcotráfico, saíndo á rúa para desenmascarar as súas tramas e logrando fitos históricos como a reforma das leis e a humanización do tratamento das persoas con adiccións.

Grazas a ese pulo inicial, o proxecto que Dora axudou a sementar non deixou de medrar con, aínda hoxe, unha rede que presta axuda anual ao miles de persoas e fai unha la labor integral en programas de prevención, vivenda, integración social e busca de emprego.

Dora Carrera   non só coidou da súa casa, uniu o seu pobo, senón que se converteu en fogar e esperanza para un país enteiro, demostrando que a unión das nais é capaz de cambiar o curso da historia.

  • CARMEN MARTÍNEZ PÉREZ (Torneiros)

Carmen é a viva imaxe de que a paixón polo traballo non entende de horarios, senón de compromiso. Comezou a traballar sendo apenas unha moza, nunha época na que ser perruqueira significaba moito máis que un oficio: era converterse en confidente, en veciña e nun piar fundamental da vida social de Torneiros.

Carmen é unha muller que loitou por amor, unha forza que a impulsou a sacar adiante o seu proxecto de vida e o seu negocio a base de horas roubadas ao descanso.  Ese amor polo oficio non quedou nela, senón que floreceu nas súas fillas, que hoxe herdan con orgullo a súa peluquería. Ver como a súa tesoira segue o tempo en mans da seguinte xeración é o maior recoñecemento ao seu esforzo.

  • CARMEN MÍGUEZ GONZÁLEZ (Pontellas)

Carmen é a personificación da cultura do esforzo que define ás mulleres da nosa terra. Durante 43 anos, foi a peixeira que unía as lonxas da ribeira coas casas de media bisbarra. Mentres o mundo durmía, Carmen xa estaba en pé; a súa xornada comezaba ás catro da mañá, desafiando o frío e o cansazo para escoller o mellor produto.

Unha ruta de servizo á comunidade que non quedaba en Pontellas, co seu coche percorría dferntes parroquias de Mos, O Porriño ou Tui para achegar   a vida e o recado de porta en porta. Unha muller que tamén atendeu o campo e a súa casa, nunha época na que o descanso non estaba pensado para elas. Cun currículo escrito con madrugóns e quilómetros, Carmen reivindica con firmeza a importancia da muller traballadora neste día tan especial.

  • DOLORES CODESADA CARRACEDO (Atios)

Lola é o retrato da forza e da determinación que levantou as nosas parroquias. Nun tempo onde as mans non descansaban, ela fixo da súa vida un exemplo de entrega total: a casa, o campo e, por riba de todo, o seu oficio como leiteira.

Ser leiteira “toda a vida” era un compromiso inquebrantable co reloxo e cos veciños. Foi o vínculo entre a produción da terra e a alimentación das familias de Atios. O seu traballo esixía unha disciplina de ferro, e ademais, muller de carácter foi   o centro de gravidade da súa casa.

  • FERMINA FERNÁNDEZ PÉREZ (Pontellas)

Fermina, costureira de Pontellas, é a guardiá dunha memoria que non debemos esquecer, transformando a dureza da posguerra nun camiño de aprendizaxe e oficio.Lembra ben que “a vida de antes non era a de agora”. Eran tempos de silencio e necesidade, de xente agochada nos montes e de ausencias marcadas pola guerra. Nese contexto, a escola era un luxo ao que só se ía “cando se podía”, porque as mans facían falta para o sustento diario.

Con 18 anos, Fermina decidiu labrarse o seu propio futuro. Baixou ao Porriño para aprender a arte de costureira, un oficio que require paciencia e precisión. Sen recursos para mercar unha máquina de coser, non se rendeu: logrou mercala a prazos, fío a fío, puntada a puntada, ata que aquela ferramenta foi de seu. Aquela máquina fiou a súa vida e a da parroquia.

  • TERESA CASTRO LÓPEZ (Carracido)

Luguesa de nacemento, porriñesa de adopción e mestra de vocación, Teresa dedicou 37 anos da súa vida a unha das tarefas máis nobres: cultivar o futuro a través do ensino. 

Testemuña do cambio social durante eses anos, ela, que foi educada nun colexio de nenas ata sexto,  viviu de primeira man como pouco a pouco se combatía o machismo, un traballo de respeto que se fixo tamén dende as aulas. Pero tamén sinala con preocupación que  aínda que avanzamos en dereitos, o machismo segue sendo un reto e mesmo se perciben retrocesos que nos obrigan a non baixar a garda.

  • MERCEDES BESADA MARTÍNEZ (Budiño)

Mercedes é o exemplo vivo de como a dureza do traballo e a beleza da arte poden camiñar da man. Foi unha das fundadoras da Coral de Budiño, onde leva 39 anos cantando e facendo parroquia, e pobo. A súa vida foi un constante equilibrio entre a entrega á terra e a paixón pola música, sendo hoxe unha das figuras máis queridas da súa parroquia.

Na súa retina ainda, o na leira co seu bebé en brazos, os callos nas mans cando o chan se fregaba de xeonllos, e o retumbar da súa voz nunha agrupación qu pervive e que fai comunidade, demostrando que a cultura é o que nos mantén vivos e unidos.

  • JUANA FREIRÍA RORÍS (Mosende)

Aos seus 90 anos, Juana é a memoria viva dun Mosende de sacrificio, pero tamén de dignidade absoluta. Viúva con sete fillos ao seu cargo, lonxe de renderse, Juana multiplicou os seus esforzos. Traballou sen acougo, de sol a sol, para que na súa casa non faltase o sustento. Foi pai e nai, xornaleira e guía, levantando a súa familia coa única forza dos seus brazos e a súa vontade de ferro.

A súa vida é un relato de resistencia, o de quen tivo que converterse en xigante para protexer aos seus cando o destino se volveu difícil. Os seus 90 anos o tempo lle permite descansar pero segue sendo un exemplo para a súa parroquia.