- O Concello celebra este sábado, 20 de setembro, a Festa do Peregrino e do Turista con visitas guiadas, obradoiro de cunchas, photocall e moita música
- Deséñanse un mapa do Porriño para entregar aos establecementos de hospedaxe, para que estes á súa vez poidan entregar aos peregrinos, xunto cun código QR dispoñible tamén en todos os comercios con acceso á información de todas as actividades culturais e turísticas organizadas polo Concello
O Porriño, 16 de setembro de 2025.- “O Porriño: Camiño e destino” é a xornada festiva que ten preparada o Concello porriñés para o vindeiro sábado, 20 de setembro. A Festa do Peregrino e do Turista celebrarase ao longo de toda a tarde, na Praza Arquitecto Antonio Palacios, co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor o papel turístico, cultural e peregrino do municipio. A programación abrangue diversas actividades, dende visitas guiadas, a un obradoiro de cunchas, moita música e un punto de información turística e selado de credenciais.
“O paso da ruta xacobea pola nosa vila é un auténtico privilexio e unha grande oportunidade. Cada ano, milleiros de persoas de todo o mundo atravesan O Porriño facendo o Camiño de Santiago e iso convírtenos nun punto de encontro de culturas, idiomas e emocións. Para nós, o Camiño non é só unha ruta, senón unha parte esencial da nosa identidade e do noso dinamismo económico, social e cultural. Por iso dende o Concello traballamos para acoller aos peregrinos coa hospitalidade que nos caracteriza, ofrecéndolles un espazo acolledor e cheo de vida. Esta festa, enmarcada á súa vez nas Festas do Cristo, é unha homenaxe a eles e tamén unha oportunidade para que os porriñeses e porriñesas sintamos orgullo do noso papel no Camiño de Santiago”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo durante o acto de presentación desta festa.
Así, o Concello do Porriño convida ademais de a peregrinos e turistas, a toda a veciñanza a participar desta xornada festiva. Haberá un photocall situado a pé de rúa no que os visitantes poderán selar a súa credencial de peregrino; organízanse dúas visitas guiadas, unha “Camiñando polo Porriño”, de 16.00 a 17.00 horas, a través da cal se percorrerán espazos emblemáticos da vila, achegando historia, arquitectura e urbanismo local, e outra “O Porriño con ollos de peregrino”, de 17.00 a 19.00 horas, combinada cun obradoiro de pintado de cunchas, que busca que quen pase por aquí descubra a dimensión espiritual, simbólica e cultural do Camiño. A xornada estará amenizada con música a cargo de artistas locais e como peche, sobre as 19.00 horas, concerto do grupo de pandereteiras Alxibeiras de Ponteareas.
“Con todas estas iniciativas, O Porriño quere consolidarse non só como punto de paso, senón tamén como destino por dereito propio, capaz de mostrar as súas paisaxes, o seu patrimonio, a súa cultura viva e a súa hospitalidade”, sinalou a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha.
Comercio e hostalería
De xeito paralelo, faise entrega aos establecementos de hostalería de novos mapas do Porriño, para que os distribúan entre quen se hospede, “pois eles son chave na acollida, orientación e información ao peregrino e ao visitante”.
Tamén se presenta un código QR que será facilitado a todo o comercio e hostalería da vila para que os visitantes teñan acceso dixital inmediato á información de todas as actividades culturais e turísticas organizadas polo Concello.
Dende o Concello do Porriño subliñan a importancia crecente do Camiño de Santiago para o municipio. Segundo datos da Oficina do Peregrino de Santiago, no ano 2024 expedíronse 95.427 compostelas do Camiño Portugués, unha cifra superior á doutros exercicios e que este ano xa conta con 78.038, un incremento do 5% que confirma que o Camiño está máis vivo ca nunca. Este auxe reforza o compromiso do Porriño para estar á altura de quen percorre o Camiño, ofrecendo servizos, orientación, infraestrutura informativa e unha experiencia de calidade.