O Concello do Porriño, a través da concellería de Igualdade que dirixe Carolina González, pon en marcha por primeira vez unha ludoteca municipal gratuíta.
“Dende o vindeiro 1 de outubro e ata o 30 de novembro ponse en funcionamento o servizo de ludoteca nas instalacións do Centro Cultural Municipal, cun horario que abranguerá dende as 16 h ata as 20 h”, explicou a concelleira, “Desenvolveranse actividades dirixidas a nenas e nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos nun espacio común que lles permitirá relacionarse entre eles e compartir momentos de ocio, á vez que se traballan valores tales como o respecto e a solidariedade”.
O aforo será de 30 nenas e nenos cada día que as súas familias poderán deixar ao cargo das monitoras e monitores dentro do horario establecido. Non é necesaria inscrición previa, e os pequenos e pequenas serán admitidos ata completar as prazas diarias.
“Queremos contribuír a mellorar a conciliación da vida persoal e laboral das familias do Porriño e á vez fomentar nos máis pequenos valores como a cooperación, igualdade e corresponsabilidade”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Nese sentido traballamos e, dentro das nosas competencias, pretendemos impulsar medidas que poidan a curto/medio prazo consolidarse na vila”.
Cabe destacar que esta iniciativa forma parte do “Plan corresponsables 2022” da Secretaría Xeral de Igualdade.