• Convértese no único municipio da área de Vigo no que crece o número de estudantes acadando un total de 2695, sendo as etapas de Educación Infantil e de Bacharelato onde se rexistra ese ascenso

O Porriño, 8 de setembro de 2025.- O inicio do curso escolar 2025/2026 no Porriño marca unha tendencia positiva e singular respecto de Vigo e a súa comarca, así como do conxunto de toda Galicia, onde as cifras globais marcan un descenso de número de estudantes. Así, o Concello do Porriño convértese no único da área metropolitana onde se incrementa a o número de alumnado matriculado.

Ao igual que a media de toda a Comunidade, o resto de localidades da comarca rexistran unha cifra  inferior que o ano pasado, sen embargo no Porriño as matrículas van en aumento “unha boa sinal porque reflicte que O Porriño segue medrando, que somos un lugar atractivo para vivir e para formar unha familia. Ademais, amosa a confianza das familias nos servizos públicos que ofrecemos que abranguen dende unha conciliación gratuíta con campamentos nas diferentes épocas vacacionais do ano e outras actividades de lecer ata a propia oferta cultural”, sinalaba esta mañá o alcalde Alejandro Lorenzo durante unha visita aos centros escolares para dar a benvida ao alumnado e ao profesorado e coñecer o transcurso desta primeira xornada lectiva.

As cifras deste curso 2025/2026 reflexan un incremento de 31 estudantes no cómputo global, acadando os 2.695, 31 máis que no 2024/2025. Por niveis, son 448 as matrículas en Educación Infantil, 1088 en Educación Primaria, 37 en Educación Especial, en ESO hai 838 alumnos e 284 cursando Bacharelato. Precisamente, é no Bacharelato onde maior incremento se rexistrou, un 27% máis, e tamén na etapa de Infantil sumáronse 7 nenos máis. “Este crecemento reflicte a vitalidade demográfica do concello e a súa capacidade de atraer novas familias”, remarca o alcalde.

Acondicionamentos das instalacións escolares

O Concello do Porriño pon a punto as instalacións dos diferentes colexios públicos do municipio, executando diversos traballos de mantemento e mellora que supuxeron diversas reparacións que abranguen dende as superficies de pavillóns e ximnasios, a persianas, aseos, tellados e redes que bordean os patios. Tamén se lavaron e pintaron algúns muros exteriores e fachadas.

Estas actuacións evidencian o compromiso do goberno local coa calidade da educación pública e co benestar da comunidade educativa, creando unha contorna máis segura, cómoda e motivadora para o alumnado e o profesorado.