• Os traballos supoñen unha inversión de 65.000 euros, financiados íntegramente polo Concello, e prolongaranse ata este mércores, 1 de outubro.

O Porriño, 29 de setembro de 2025.– Esta mañá, coincidindo coa festividade local do Luns do Cristo, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polo concelleiro Ramón Porto; o presidente da Entidade Urbanística de Conservación de A Granxa, Indalecio Cuevas; o presidente da Asociación de Empresarios de As Gándaras, Jorge Trigo; o secretario xeral da Federación Galega de Parques Empresariais, David Sobral e enxeñeiros municipais, visitou o inicio das obras de asfaltado de dúas rotondas no Polígono Industrial da Granxa. Con motivo destas actuacións de mellora, establécense cortes de tráfico puntuais na glorieta situada ao carón de Intersport Piñeiro e na glorieta de Inoxcenter.

O proxecto, promovido polo Concello do Porriño, ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria e a circulación en dous dos principais accesos desta área empresarial, onde o intenso tránsito de vehículos pesados deteriorou notablemente o firme nos últimos anos.

Os traballos, que rematan este mércores, consisten no fresado do pavimento actual e na posterior reposición da capa de rodadura con mestura bituminosa en quente, ademais da correspondente sinalización horizontal. O orzamento total da actuación ascende a 64.990,36 euros, financiados íntegramente polo Concello.

A escolla da data de inicio, en plena xornada festiva, responde ao compromiso municipal de minimizar as molestias ás empresas e ás persoas traballadoras do polígono. 

Durante a visita, o alcalde subliñou a importancia da obra: “Queremos que os nosos polígonos conten con infraestruturas modernas e seguras, porque son un motor económico fundamental non só para O Porriño senón para toda a comarca. Aproveitamos unha festividade local para comezar os traballos, buscando causar as menores incomodidades posibles ao tecido empresarial e á veciñanza que cada día se move por aquí”.

Con esta intervención, o Concello reforza a súa aposta por dotar os polígonos empresariais de mellores servizos e condicións, garantindo así a competitividade e o bo funcionamento dun dos espazos produtivos máis importantes de Galicia.