- O espazo ten capacidade para 170 persoas, con equipamento audiovisual en 4K e son envolvente
- Esta actuación conta cun orzamento que supera os 250.000 euros ao abeiro do Plan +Provincia
O Porriño, 10 de xaneiro de 2026. – O Concello do Porriño iniciou esta semana os traballos de reforma interior do que será o único cine municipal da comarca, e que se atopa no Centro Cultural, un proxecto pioneiro en Galicia que abrirá as súas portas ao longo deste ano.
A reforma, cun orzamento de 251.739,60 euros financiado pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia, suporá unha transformación integral da planta baixa do edificio, adaptando os espazos de auditorio, escenario e camerinos para acoller unha sala versátil, moderna e tecnolóxicamente avanzada, coa capacidade para 170 butacas.
Segundo o alcalde, Alejandro Lorenzo, “esta nova sala permitirá gozar do cine no Porriño sen ter que desprazarse fóra do municipio, algo moi demandado, especialmente pola veciñanza máis nova. É un proxecto que combina cultura, innovación e dinamismo económico, colocando á nosa vila no mapa cultural de Galicia”.
O proxecto inclúe a redistribución dos espazos, eliminando o escenario elevado e os camerinos traseiros; a mellora acústica e estética das paredes mediante trasdosado con illamento e acabado en madeira; a renovación das butacas para adaptar a sala a diferentes usos, desde proxeccións cinematográficas ata conferencias e charlas; e novas instalacións de iluminación e son, aproveitando a climatización existente.
O equipamento audiovisual xa foi adquirido, cun investimento de preto de 100.000 euros subvencionado pola AGADIC da Xunta de Galicia. “Esta nova sala disporá dun sistema de proxección en 4K Ultra Alta Definición, pantalla profesional de 5×3 metros con sistema de tiro directo, servidor con capacidade de 16TB e un avanzado sistema de son envolvente, que permitirá exhibir estreas de cine e ofrecer unha experiencia cinematográfica de primeiro nivel”, apunta o rexedor.
A duración estimada das obras é de seis meses, e o proxecto permitirá que a sala se converta nun espazo multifuncional, apto para proxeccións, conferencias e actividades culturais, dinamizando o centro cultural e o tecido económico e social do Porriño.
“É unha gran noticia para a veciñanza e tamén para atraer visitantes doutros municipios. Estamos moi orgullosos de iniciar estas obras, que cumpren un soño histórico da veciñanza e consolidan ao Porriño como un referente cultural na comarca”, conclúe o alcalde Alejandro Lorenzo.
