Porriño, 11 de febreiro de 2026.– O Concello de Porriño informa da apertura da nova do plan +Xuventude, unha liña de axudas promovida pola Deputación de Pontevedra destinada a apoiar a posta en marcha de iniciativas de interese social promovidas pola mocidade da provincia. A Deputación destina 120.000 euros a esta convocatoria cuxas bases foron publicadas recentemente no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

As subvencións do Plan +Xuventude están dirixidas a apoiar proxectos ideados e realizados por persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos ou por asociacións xuvenís sen ánimo de lucro con sede social ou delegación na provincia de Pontevedra. Os grupos informais deben estar formados por un mínimo de tres e un máximo de oito persoas.

Cada proxecto poderá recibir ata un máximo de 5.000 euros en apoio económico para a súa execución. As iniciativas presentadas deben favorecer o desenvolvemento persoal e comunitario da mocidade, contribuír á formación en valores e á consecución de hábitos saudables, e enriquecer a vida social, cultural, económica, científica ou medioambiental da provincia. As áreas temáticas incluídas abranguen saúde e benestar, cultura e innovación, participación xuvenil e asociacionismo, desenvolvemento rural e reto demográfico, así como protección do medio ambiente e loita contra o cambio climático.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o 16 de febreiro ata o 13 de marzo de 2026. As solicitudes deberán presentarse por medios electrónicos a través da Sede Electrónica da Deputación de Pontevedra seguindo o procedemento establecido nas bases da convocatoria.

O Concello de Porriño anima á mocidade e aos colectivos xuvenís interesados a participar nesta liña de axudas para impulsar as súas ideas e proxectos, promovendo así a participación activa dos mozos e mozas na vida social e comunitaria da provincia.