- Trátase da contratación de tres peóns forestais a xornada completa por un período de nove meses
O Porriño, 5 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño vén de incorporar tres novos traballadores desempregados ao seu cadro de persoal, grazas a unha subvención de 49.806 euros concedida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
As persoas contratadas desempeñarán labores de limpeza, mantemento e conservación dos montes e fincas do municipio, unha iniciativa que ten o obxectivo de fomentar o emprego local ao tempo que se promove o coidado e posta en valor do entorno natural.
O proxecto permite a contratación de tres peóns forestais a xornada completa por un período de nove meses. As condicións laborais están reguladas conforme ao convenio colectivo vixente e inclúen todas as obrigas en materia de cotizacións sociais.
Compromiso co emprego e o medio rural
Esta iniciativa enmárcase dentro da estratexia municipal de promoción do emprego sostible e coidado do territorio, contribuíndo á mellora da calidade de vida no municipio.
O alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “estas contratacións mellorarán a resposta do Concello e reforzarán os servizos que ofrece á cidadanía. Damos traballo a persoas desempregadas ao tempo que coidamos os montes e fincas municipais, que son un recurso natural fundamental”.
Con esta acción, o Concello reafirma o seu compromiso co desenvolvemento económico sostible, o impulso ao emprego local e a protección do entorno natural.