- Esta aula beneficiará directamente a uns 40 nenos e nenas do centro
O Porriño, 10 de xuño de 2025.– O CEIP da Ribeira inaugurou hoxe unha nova aula sensorial destinada a ofrecer un espazo adaptado e inclusivo para o alumnado con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e outras dificultades de aprendizaxe.
O acto contou coa presenza do Alcalde, Alejandro Lorenzo; a Concelleira de Educación, Carolina González; o Xefe Territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, así como da directora do centro, Teresa Castro, e profesorado.
“A aula sensorial é un lugar onde o alumnado pode interactuar co entorno dun xeito máis tranquilo e relaxado, favorecendo a súa aprendizaxe e benestar. Conta con diferentes zonas adaptadas aos distintos sentidos como a zona da luz, do tacto, do gusto, unha área de relaxación con piscina de bolas e ata un espazo para proxeccións audiovisuais con sons da natureza”, explicou Teresa Castro. Esta aula beneficiará directamente a uns 40 nenos e nenas do centro.
Fundado en 1984 no Polígono de Torneiros, o CEIP da Ribeira é un centro de referencia na atención preferente a alumnado con TEA e necesidades específicas, reafirmando así o seu compromiso coa educación inclusiva e de calidade.
O Alcalde, Alejandro Lorenzo, manifestou que “esta aula sensorial é un paso máis para garantir unha educación igualitaria e de atención personalizada para todo o alumnado do Porriño. Continuamos traballando para que os centros educativos da nosa vila dispoñan dos recursos necesarios para acoller a diversidade e promover o desenvolvemento integral do alumnado.”
Esta nova aula sensorial é a segunda que se habilita na vila, sumándose á xa existente no centro de educación especial de Aceesca, reforzando o compromiso do Concello do Porriño coa educación inclusiva e a atención a toda a diversidade.