- 135 alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria participaron na decoración de oito siluetas do icónico “Can Parede”, símbolo do festival, que xa se exhiben nos farois da zona durante toda a semana do evento.
O Porriño, 15 de maio de 2025.– Un ano máis, a Concellería de Educación do Porriño colabora co Festival de Cans para achegar esta cita cultural á comunidade educativa e promover a participación activa do alumnado. Froito desta colaboración coa OMIX, o festival ofrece unha programación específica para os centros escolares, que fomenta a creatividade, o traballo en equipo e o sentimento de pertenza.
Entre as propostas máis agardadas polos escolares destaca o “Mini Can Parede”, inaugurado esta mañá ás 10:30 horas na zona peonil do centro. Nesta edición, 135 alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria participaron na decoración de oito siluetas do icónico “Can Parede”, símbolo do festival, que xa se exhiben nos farois da zona durante toda a semana do evento.
Tomaron parte nesta iniciativa os centros CEIPP Antonio Palacios, CEIPP da Ribeira, CEIPP Fernández López, CEIPP Atios, CEIP Cruz-Budiño, CPR Sto. Tomás, CPR Hnos. Quiroga e Aceesca. Cada colexio decorou a súa silueta de maneira libre, sen limitacións temáticas nin técnicas, fomentando a expresión artística e a colaboración entre o alumnado.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor o talento da mocidade: “Cada ano os nosos nenos e nenas sorpréndennos coa súa creatividade e ilusión. O Mini Can Parede demostra que a cultura pode e debe ser accesible, participativa e integradora desde as primeiras etapas da vida”.
Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carolina González, sinalou que “esta actividade é unha oportunidade para que os rapaces se sintan parte activa do festival, ao tempo que desenvolven habilidades artísticas e valores como a cooperación e o respecto polo traballo común”.
Tras a inauguración, o alumnado participante asistiu ao obradoiro “Pintando Cans”, unha proposta lúdica e educativa na que puideron seguir explorando a súa creatividade nun ambiente distendido.
Dende o Concello do Porriño agradécese especialmente a implicación dos centros educativos, do profesorado, das familias e da OMIX, que fan posible que o Festival de Cans sexa tamén unha festa da infancia, da imaxinación e da aprendizaxe compartida.