- A nova praza nace como espazo simbólico para lembrar ás vítimas e promover unha sociedade xusta, libre e segura
- A xornada reuniu alumnado, autoridades e veciñanza nun lazo humano, varias intervencións e a lectura do manifesto institucional
O Porriño, 25 de novembro de 2025.- O Porriño celebra este 25 de novembro cunha intensa xornada de actos polo Día Internacional da Eliminación da Violencia á Muller, marcada pola inauguración oficial da nova Praza 25N, un espazo dedicado á memoria das vítimas e ao compromiso colectivo contra a violencia machista.
A programación comezou onte coa colocación do lazo morado na fachada do Concello. Hoxe ao mediodía instalouse o Punto Violeta na Praza do Concello, seguido do acto de inauguración da Praza 25N, fronte a igrexa parroquial de Santa María do Porriño, acompañada dunha peza de violín que deu inicio a un momento especialmente emotivo.
Tralo descubrimento da placa, o alcalde Alejandro Lorenzo lembrou que se trataba dun compromiso adquirido en pleno e que agora se fai realidade. “Esta praza, ata agora sen nome, pasa a chamarse oficialmente Praza 25N, en homenaxe a todas as mulleres vítimas de violencia machista”. O rexedor subliñou que a loita non debe reducirse a un único día, senón que é unha responsabilidade de toda a sociedade cada día do ano. “Cada recuncho desta praza lembrará non só ás vítimas, senón tamén a necesidade de educar en igualdade, promover o respecto e construír relacións libres de violencia”. Pechou desexando que este novo espazo se convertese nun lugar “de reflexión, de memoria e de compromiso colectivo”.

Un dos momentos máis destacados foi o lazo humano formado polo alumnado de 2º e 4º da ESO do colexio Hermanos Quiroga, que portaba cartolinas moradas cos nomes das 39 vítimas mortais deste ano. Antes de iniciar a lectura de cada una desas vítimas, a concelleira de Igualdade, Carolina González, destacou que o 25N é “un día de recordo, reflexión e compromiso coa prevención e eliminación da violencia machista”. Subliñou que “o respecto non é só unha palabra, senón un modo de vida” e lembrou que cada asasinato “é unha ferida colectiva que obriga a continuar alzando a voz”. Alertou tamén sobre as violencias cotiás —insultos, humillacións, silencios— e insistiu en que “educar en valores debía seguir sendo unha prioridade”. A concelleira reafirmou o compromiso do Concello coa creación de espazos seguros e coa colaboración con centros educativos, asociacións, familias e cidadanía para construír “un lugar libre, sen medo e xusto”.

A continuación, cada estudante foi abandonando a formación do lazo para achegarse ao micrófono e ler o nome da vítima correspondente, regresando logo ao seu sitio para depositar unha rosa morada sobre a súa cartolina. O alcalde Alejandro Lorenzo foi o encargado de portar a última das cartolinas, correspondente á vítima número 39, unha muller de 60 anos asasinada en Málaga o pasado sábado. Tras nomeala, pediu gardar un minuto de silencio, afirmando que “O Porriño érguese unido para lembrar ás mulleres asasinadas e para reafirmar que non imos tolerar nin un só paso atrás”. A continuación procedeuse á lectura do manifesto institucional por parte da Ilustre Señora Xuíza María Jesús Mosteiro, encargada do Xulgado de violencia sobre a muller, no que se reafirmou o compromiso coa defensa dos dereitos humanos e coa erradicación de todas as formas de violencia machista. A xuíza subliñou “a necesidade de políticas públicas eficaces, a importancia da prevención, a coordinación institucional, a formación de profesionais e a garantía de recursos accesibles para as vítimas e os seus fillos e fillas”. Con firmeza, concluíu que “só mediante o compromiso colectivo poderemos avanzar cara a unha sociedade libre de violencia machista”.
Un concerto de corda e piano da Escola Municipal de Música puxo o broche emocional a unha programación na que O Porriño reivindicou, con unidade e determinación, unha vida libre de violencia para todas as mulleres.


