- O Concello vén de recibir por primeira vez unha subvención de Fondos Europeos que permitirá impulsar un plan integral de transformación urbana, social e ambiental, centrado na parroquia de Torneiros, na contorna do río Louro e no centro urbano, enmarcado na Axenda Urbana e Rural do Porriño
O Porriño, 3 de outubro de 2025.- O Concello do Porriño acadou por primeira vez na súa historia unha subvención dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) por un importe de 6.547.728 euros, para levar a cabo o seu Plan Integrado de Actuacións “O Porriño. O noso encontro”, cun orzamento total de case 11 millóns de euros (10.912.880 euros).
A resolución provisional da Dirección Xeral de Fondos Europeos, marca un antes e un despois na capacidade do Porriño para captar financiamento europeo, cun proxecto integral que aposta pola transformación urbana, a cohesión social, a resiliencia fronte ao cambio climático e a mobilidade sostible e eficiente. “É un fito histórico para O Porriño. Por primeira vez accedemos a unha subvención europea deste nivel, que nos permite dar un salto cualitativo no modelo de vila que queremos construír: máis sostible, máis cohesionada e pensada para as persoas”, explica o alcalde Alejandro Lorenzo. “Este logro non é só económico, senón tamén político e social: reflicte o traballo técnico, o consenso institucional e a capacidade do Porriño para pensar en grande e mirar cara a Europa”, engade.
O plan aprobado en pleno, o 24 de febreiro de 2025, inclúe cinco proxectos principais, tres deles con actuacións clave no núcleo de Torneiros para convertelo en saudable, inclusivo, integrador, sostible conectado e vertebrado, así levaranse a cabo melloras do espazo público, apostando pola súa renaturalización e calidade ecolóxica; programas de formación e capacitación para reducir as fendas socioeconómicas e impulso de redes de mobilidade sostible entre Torneiros e o centro do Porriño. Por outra banda, tamén se contempla actuacións na contorna do río Louro, coa creación de espazos naturais multifuncionais que reduzan o risco de inundación e, xa no centro urbano, o desenvolvemento dunha rede de espazos culturais para fomentar a cohesión social.
“Este proxecto representa un paso adiante cara a un Porriño máis verde, igualitario, centrado nas persoas e conectado, impulsando por exemplo o uso de transporte público para conectar tódalas parroquias co centro urbano. A implementación destes proxectos permitirá mellorar a calidade de vida da veciñanza, promover a inclusión social e avanzar na transición ecolóxica do municipio”, sinala Alejandro Lorenzo.
Todas estas accións forman parte da Axenda Urbana e Rural do Porriño, aprobada en pleno no mes de xullo de 2024, que senta as bases para o desenvolvemento sostible do municipio nos vindeiros anos.