O Porriño, 24 de xullo de 2025.– O Concello do Porriño consolida o seu papel como motor económico da provincia grazas ao impulso da actividade empresarial e á tramitación áxil de expedientes urbanísticos. Só no que vai de 2025, a Xunta de Goberno Local resolveu 62 expedientes de implantación ou modificación de actividades económicas, facilitando a apertura de novos negocios e a adaptación de locais en sectores como a restauración, o comercio, os servizos persoais e a pequena industria. Estas solicitudes abranguen desde restaurantes, locais de hostalaría ou tendas de roupa, ata salóns de peiteado ou pequenas industrias, permitindo iniciar ou modificar o uso dun espazo para o desenvolvemento dunha actividade económica.

Este dinamismo administrativo enmárcase nun contexto económico sólido: is de 2.200 empresas activas, is de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial ocupado e un dos PIB máis altos da provincia, cifras que poñen de manifesto a forte estrutura empresarial do municipio e a súa capacidade para atraer e reter investimento.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, subliña que “estes datos demostran que O Porriño é un concello que acompaña a quen quere emprender, con seriedade e axilidade administrativa. Queremos facilitar que se poñan en marcha proxectos sen atrancos burocráticos innecesarios”. Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, Promoción e Xestión de Vivenda, Medio Ambiente e Mercados, Antía Carrera, lembra que “o departamento estaba colapsado e moitos expedientes de actividades levaban bloqueados desde os anos 90. Hoxe estamos a resolver esa situación e a poñer o foco no desenvolvemento económico local”.

233 expedientes urbanísticos tramitados en 2025

O balance urbanístico total do ano 2025 amosa un volume de 233 expedientes resoltos en distintas tipoloxías, o que evidencia a estabilidade e eficiencia na xestión do solo e das actuacións urbanísticas por parte do Concello. O departamento de Urbanismo mantivo durante todo o ano unha dinámica constante de resolución de solicitudes, tanto recentes como correspondentes a exercicios anteriores. 

Durante o ano 2025 resolvéronse 13 expedientes de licenzas urbanísticas. Esta categoría segue a ser clave para a tramitación de actuacións relacionadas con obra maior e usos urbanísticos diversos, como a construción de vivendas unifamiliares ou de novos edificios, a rehabilitación de vivendas existentes ou a reforma de naves sen actividade.

No eido das primeiras ocupacións, resolvéronse 7 expedientes. Esta tipoloxía permite o uso efectivo das edificacións unha vez finalizadas, sendo fundamental para o peche de obra e o inicio de actividade. Supón o paso previo para poder residir nunha vivenda ou utilizar legalmente un edificio ou nave, xa que o Concello comproba que a obra executada se axusta á licenza concedida.

As comunicacións previas de obra menor seguen representando un volume destacado de actividade. Ao longo de 2025 resolvéronse 151 expedientes, atendendo tanto solicitudes deste mesmo ano (106) como doutras anualidades, nun proceso que garante resposta á cidadanía de forma áxil e eficiente. Este tipo de actuacións inclúe obras sinxelas como pintar unha vivenda, reformar un baño ou construír un galpón de menos de 25 metros cadrados.

Desde o Concello do Porriño reafírmase o compromiso coa mellora continua dos procedementos urbanísticos, poñendo o foco na atención á veciñanza, na dinamización económica e no cumprimento dos prazos e garantías legais.